Cando a poesía abrolla da serra

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Recital da poeta de Fisteus Lupe Gómez, nunha imaxe tomada nunha edición pasada do EidosFest.
Recital da poeta de Fisteus Lupe Gómez, nunha imaxe tomada nunha edición pasada do EidosFest.

A casa-museo de Uxío Novoneyra, en Folgoso do Caurel, acolle esta fin de semana o Festival dos Eidos con convidados como Chus Pato, Ana Romaní, Reixa, Estevo Creus, Alba Cid e Eva Veiga

25 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Uxío Novoneyra soubo na súa obra extraer a poesía da montaña como espazo habitado, que non da mera paisaxe, non só da natureza, e ese labor continúa ao redor da súa casa-museo, no lugar de Parada, no concello de Folgoso do Courel. Alí está a sede da fundación que defende o seu legado e que preside Branca Novoneyra (Lugo, 1976). Non é doado levar adiante esa encomenda dende «unha aldea de quince casiñas», subliña a filla do escritor, que lembra que «O Courel non volveu ter 5.000 habitantes dende os anos cincuenta do século pasado; aínda que posúe un tamaño como a cidade de Berlín, hoxendía viven aquí 976 persoas».

Pese a todo, segue a ser ese espazo habitado. E iso é suficiente para a fundación, que, desde a súa cerna, reivindica a palabra poética sen descanso todo o ano. Pero é esta fin de semana cando coroan esa tarefa co Festival dos Eidos —comeza este venres ás catro da tarde—, que na súa a oitava edición insiste na idea da poesía como experiencia e feito da comunidade. Máis que un festival, di Branca Novoneyra, a súa directora, este encontro representa as verdadeiras festas de Parada para a xente da contorna, que «come e cea na horta». Non é mero lema publicitario. «Todos os veciños da serra acceden de balde. Incluso os que veñen da provincia poden participar gratis nas visitas guiadas; por algo contamos co apoio da Deputación de Lugo», reseña. Para todos os demais, a entrada para as tres xornadas —que pode adquirirse en ataquilla.com— custa 55 euros, incluíndo os gastos de xestión.

Pero o EidosFest «non é un celebrar por celebrar», senón que o programa require unha coherencia, como a que confire a presenza de Chus Pato, que fará —no peche dominical— unha lectura de Os Eidos, poemario sobre o que ofrecerá tamén unha conferencia. «Tentamos sempre que o festival supoña unha revisitación do libro que dá nome ao encontro. Porque a nós o que nos gusta é que a xente siga escoitando as palabras de Uxío, a súa poesía».

Centenario de Oroza

Tamén, claro, a poesía doutros creadores, como é o caso de Carlos Oroza (Viveiro, 1923-Vigo, 2015), de quen festexa o centenario do seu nacemento. A aira da casa acolle a instalación dunha exposición sobre o rapsodo comisariada pola propia Branca Novoneyra que percorre Galicia e está producida en colaboración coa asociación Évame-Oroza de Vigo.

E no curral, Antón Reixa recitará —na tarde de este venres— a súa poesía. «Homenaxeamos a Oroza dende hai cinco anos. Cando deixou Madrid, estivo vivindo nesta casa intermitentemente entre 1974 e 1980 con Elena (Carmen Latorre) e cos meus pais Uxío e Elba, ata que marchou para Cangas e despois a Vigo. É así que temos case todo o arquivo de Carlos e cooperamos asiduamente co colectivo Évame-Oroza, que hai pouco abriu sede en Vigo na Casa da Collona».

Reixa fará a lectura de catro poemas que escolleu e falará sobre o texto que escribiu para o libro Oroza 100, a piques de publicarse. Todos os anos programan unha lectura de Oroza, di Branca Novoneyra, que recorda que «cando o festival era mínimo faciámola dentro da casa, no cuarto onde el durmiu». Esta actividade é crucial para a fundación, explica, porque «Carlos era un poeta oral e se non se le a poesía desaparece. Os seus libros son realmente documentacións, transcricións das súas performances, dos seus recitais. El era como un xograr, un rapeiro, non alguén que sentara e escribira libros». Partidario da oralidade, cualificaba os libros de «cemiterios de signos». Curiosamente, foi Uxío Novoneyra, naquel tempo compartido, quen o animou a compilar en papel os seus versos.

María Gabriela Llansol

Outra poesía convocada en Parada é a da escritora portuguesa María Gabriela Llansol. No mediodía deste sábado protagoniza unha lectura danzada, que rematará coa conferencia a cargo de João Barrento, responsable do Espaço Llansol no barrio lisboeta de Campo de Ourique. Ofrecerá unha proposta de irmandado coa obra de Novoneyra, «nun intento de conectar con outros territorios cos que é preciso traballar longamente». Da man do grupo de danza Tres Monos, as rapazas que levan o festival lugués de artes en espazos urbanos Cartografía en Movemento, chegará «un ler e bailar á vez», que recuperan do seu proxecto Fulgor, «cunha lectura comunitaria de mulleres que bailan no souto do Rubial». Eva Valle, Nieves Neira Roca, María Grandío, María Corral Fernández e Beatriz Rodríguez Morales son as autoras do espectáculo Em torno da árvore, estendia-se o jardim nascente.

Ademais da mostra —cos castiñeiros como soporte expositivo— do fotógrafo Federico García Cabezón Onde só queda alguén pra aguantar dos nomes, que alude a un poema de Novoneyra do ano 95, o acto central —que ten lugar este sábado— reúne a Eva Veiga, Ana Romaní e Marina Oroza, un trío pouco frecuente de desfrutar xuntas.

Outra proposta extraordinaria leva na tarde deste venres ao souto a Alba Cid e Estevo Creus, que recitan A faia de Ponto, adaptación que fixeron dunha cantiga provenzal e que reforza a música en vivo do saxofonista Xosé Miguélez.

A música acada un peso clave no festival. Ás sesións nocturnas de electrónica se suman os veteranos Radio Océano e a banda Ataque Escampe, que substituíu a última hora a Os Resentidos, baixa por enfermidade dun dos membros. Ademais, novos valores como Xackal e Rhome.

Os paxaros e a paisaxe sonora da nenez do escritor lugués

O Eidos é un proxecto de escala, manexa un aforo máximo de 500 persoas. É un festival ao redor dunha casa, o curral, a eira, os soutos, a horta... Unha celebración que congrega á familia, achegados e amigos, a comunidade, pero que está aberta a todos. «A fundación é o centro cultural da serra, non hai outro en Folgoso, por iso cobra relevancia o traballo comunitario —incide Branca Novoneyra—. Son tres días que representan a festa dos veciños, colaboradores e xente que traballa con nós todo o ano. Tamén para os emigrantes que no verán volven ao Courel e que xa saben que estamos aí cada derradeiro fin de semana de agosto».

Nese sentido, xulgan prioritarias actividades de marcado carácter familiar, como a ruta de avistamento de paxaros que aparecen nos poemas de Os Eidos que deseñou e conduce o biólogo Xabier Vázquez Pumariño; son tres quendas na mañá sabatina, ás nove, dez e once. O mesmo pode dicirse da proposta do domingo promovida pola Fundación Legar, que se encarga da ruta pola paisaxe sonora do poeta, que viaxa polos sons da malla, a matanza, a muiñada... no tempo do Uxío neno. A organización tampouco descoida o avituallamento: «Damos de comer a 300 ou 400 persoas os tres días, sempre traballando con produtores locais», presume Branca Novoneyra.