Pedro Ventura: «Unha boa tradución deriva da lectura en profundidade da obra e do autor»

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Pedro Ventura e dúas capas das súas traducións ao portugués de Blanco Amor e Valle-Inclán.
Pedro Ventura e dúas capas das súas traducións ao portugués de Blanco Amor e Valle-Inclán.

O tradutor é autor de versións en portugués de Blanco Amor e Valle-Inclán

15 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Afincado en Galicia dende o 2015, o portugués Pedro Ventura é un tradutor profesional que, entre outras linguas, traballa en versións de textos literarios en portugués de autores galegos. Ademais de dúas obras de Valle-InclánSonata de Estío e A Media Noite— é autor da primeira versión portuguesa de A esmorga de Blanco Amor. A súa formación académica vén do eido da Filosofía e mesmo atopou un artigo perdido de Ortega y Gasset, pero, como di Ventura, «ese é outro tema». Agora mesmo ten en imprenta máis títulos de Galdós, Ortega y Gasset e Unamuno, pero ningún texto galego máis, aínda que cita nomes que van de Risco a Luísa Villata como autores que lle gustaría traducir ao portugués.

—A súa versión portuguesa de A esmorga titúlase «A borga». Por que esta palabra e non «pândega», por exemplo? Para un lector portugués, que implicacións ten esa palabra concreta?

—A palabra portuguesa borga ten un significado máis preciso, é unha palabra máis popular. Incluso pensei en manter esmorga no título, como unha das traducións ao italiano da novela de Blanco Amor, e así tentar introducir unha palabra nova do dicionario portugués... Pero entón atopeime cuns papeis con máis de cen anos que falaban dos borguistas de Chaves, e decidín.

—O texto de Blanco Amor tamén ten moitas escollas léxicas interesantes, entre o lugar e a época, mais a clase social dos personaxes. Como foi ese proceso de traslación ao portugués, para atopar posibles equivalentes xa non no significado, senón na atmosfera que é tan importante na narración?

—O dicionario da lingua portuguesa ten moitas palabras, moitas máis das que o portugués medio, digamos, utiliza a diario. E paréceme ben quitar o po do léxico, relembrar algunhas palabras, ter a ilusión de poñer ao lector portugués a redescubrir a súa lingua, para máis nun encontro coa literatura galega. La parranda, a autotradución do propio autor ao castelán, é de gran axuda para o tradutor. Blanco Amor deixou unha guía para os seus tradutores. E confeso que utilicei, e non foi pouco, o Dicionario Estraviz, unha excelente ferramenta de traballo. Incluso tiven unha idea tola, de facer unha tradución ao portugués chea de rexionalismos, incluíndo cambiar os v polos b, como no norte e centro de Portugal. Escribir iágua ou auga... Pero eu son da zona de Lisboa. E aí está La parranda, para acabar de vez coas parvadas dos tradutores.

—Valle-Inclán tamén é coñecido e recoñecido pola súa habelencia coa lingua. A súa expresividade léxica, a puntuación... ten que ser todo un reto para un tradutor.

—Aplícase o mesmo tipo de traballo co dicionario da lingua portuguesa... E respéctase ao autor, mantense a puntuación, etc. Tamén teño que dar as grazas á profesora Margarita Santos Zas, e ao Antonio González Millán.

—Esta «Sonata» é un dos textos máis coñecidos de Valle, pero «A Media Noite» quizais non tanto. Cal é a demanda das editoras e do lectorado portugués da súa obra?

—As miñas traducións de Valle foron ambas propostas miñas que as editoriais aceptaron. Tamén oín que Valle-Inclán non se vende en Portugal. Paciencia... Supoño que as aceptaron porque a obra xa estaba no dominio público, e nos dous casos as editoriais fixeron un excelente traballo. As próximas traducións dese autor tamén sairán de propostas miñas. Busco cliente para unha tradución de Luces de Bohemia.

—E cal é o interese actualmente pola literatura galega, tanto autores clásicos como contemporáneos?

—Portugal é, por desgraza, un país de poucos lectores. Faltan espazos para a crítica literaria. E hai moito que pasa por actualidade cultural onde abundan o que eu chamo de malas prácticas. E, atención, que o traballo das editoriais, diversificado e con cada vez maior calidade e nivel profesional, indica que hai moito que traballar, e algunha esperanza. O Estado portugués debería priorizar a elevación dos niveis de lectura, pero os populistas non son só os que aparecen no telexornal como tal, e así a ambos lados da fronteira... O interese pola literatura galega é escaso. Pero despois hai moita conversa, como se di en Portugal, «para encher balões», tipo «ai Galicia, cultura irmá»... Conversa baleira. Supoño que a historia ten o seu peso. A Borga tamén foi unha proposta miña que a editorial aceptou.

—A súa formación é no eido da Filosofía. Como foi ese tránsito á profesionalización da tradución? En que medida lle deu ferramentas propias para traducir e cales cre que serían as calidades que fan boa unha tradución?

—Sempre traballei con libros, primeiro nas editoriais e despois con as editoriais, como tradutor autónomo. E agora que me gustaría dar clases de Filosofía a nivel universitario, resulta que son tradutor.... As traducións acaban sendo liñas de traballo en Filosofía. Entón algún editor portugués acaba lendo isto e afirma que eu invento, pero cando propuxen a tradución de A esmorga foi nese sentido. Unha boa tradución deriva dunha lectura en profundidade do orixinal, da obra, do autor. E non sempre hai tempo para iso. Ás veces hai que percibir quen é o público. E saber os idiomas e ler moito.

—Que títulos ou autores galegos lle gustaría traducir nun futuro?

—Vicente Risco (ese libro absolutamente inquietante chamado Mitteleuropa), Rafael Dieste, Luísa Villalta... Cid Cabido! E José Ángel Valente.