Entre a música do verso e a poesía que aniña na música

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Luisa Villalta
Luisa Villalta

A poeta Luísa Villalta,  elexida para o Día das Letras Galegas 2024

30 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A vida creativa de Luísa Villalta foi unha viaxe, ida por volta, entre a música e a literatura. Dúas disciplinas que, na súa concepción, eran indisociables. «Sen música non hai poema», sostiña. Non é casual que na súa produción poética haxa títulos como Música reservada, Ruído ou Modulación de Orfeu. A iso hai que sumarlle a peza teatral Concerto para un home só, o texto narrativo Siléncio, ensaiamos, e ensaios como A lingua dos sons e O outro lado da música, a poesía. Este último deixaba clara esa relación de anverso e reverso que na súa obra desempeñaban a palabra e o son.

A súa vida académica e laboral tamén participaba desa dualidade. Licenciada en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa e titulada superior en violín, foi profesora en distintos centros de ensino medio e mais formou parte de formacións musicais, tanto orquestrais, de cámara ou máis achegadas á tradición galega, como Escanio, con quen facía, en 1977, «cancións baseadas en raigames populares».

Porén, Villalta sempre tivo claro que nesa convivencia entre música e literatura a súa vocación situábase máis ben na segunda. «Entre dúas actividades tan absorbentes, optei pola literatura porque me parecía máis creativa». Con todo, a música abriu unha perspectiva persoal que fixo da súa obra, se cabe, algo aínda máis singular, e que se manifestaba na súa percepción da escrita. Por exemplo, cando analizaba a un dos seus referentes, Manuel Antonio: «É un vangardista, é un antisentimental. Tende a unha abstracción que é moi musical. O seu reflexo sería o dodecafonismo». De Avilés de Taramancos, «amigo e estímulo», conservaba un orixinal manuscrito e ilustrado de Concerto de outono. De compositores, gustaba de citar a Bach, Brahms e Ligeti.

A súa Coruña natal tamén foi unha presenza notable na súa obra. A cidade arma en boa medida a súa grande obra poética de madurez, En concreto, publicada o mesmo ano da súa temperá morte no 2004. Logo apareceron os seus textos sobre o barrio do Papagaio no volume homónimo con fotografías de Maribel Longueira. A cidade e as vidas que nela habitan, a música e a literatura eran, no fondo, fíos dun tecido vital: «A vida é unha temática constante», dicía Villalta.