Francisco Fernández del Riego e Aurora Bernárdez. Encontro cronopio en mañá de inverno

Francisco X. Fernández Naval

CULTURA

Retratos de Aurora Bernárdez e de Francisco Fernández del Riego.
Retratos de Aurora Bernárdez e de Francisco Fernández del Riego.

15 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Aurora Bernárdez —media irmá do escritor Francisco Luís Bernárdez, ambos de ascendencia galega— coñeceu a Julio Cortázar en Bos Aires no ano 1948. En 1951 Julio obtén una beca do Goberno francés para pasar un ano en París. O autor de Rayuela necesitaba deixar a Arxentina peronista que o afogaba. O día 15 de outubro dese ano, Aurora despídeo na cuberta do barco no que cruzará o océano.

Ela non tarda en seguilo. En carta do 8 de decembro de 1952, Luís Seoane escríbelle a Francisco Fernández del Riego pregándolle que estea ao tanto do paso por Vigo do barco francés Láenec, no que viaxa Aurora, informándoo do seu parentesco con Francisco Luís, e de que é notable tradutora de obras literarias. Pídelle ao amigo que a saúde e quede de acordo con ela para presentarlle xentes amigas de Galicia e Madrid, na viaxe que por España que efectuará ao regreso de Francia. Seoane lamenta que a última hora non puido entregarlle unhas cartas de presentación para os amigos galegos, o que sente moitísimo, pregando a Del Riego que llo transmita e a oriente.

O día 22 de decembro, Seoane escribe de novo a Del Riego, lembrándolle a encarga que lle fixo. Pero este anticípase nun día e envía a Bos Aires novas do encontro que mantivo con Aurora o día 20. As cartas crúzanse sobre o Atlántico.

Fernández del Riego recibira a primeira carta de Seoane o día 19 de decembro, o día anterior á chegada do Láenec, que atraca no porto vigués de madrugada. Ás nove da mañá Del Riego achegase ao porto, pero non lle permiten o acceso ao barco ata as dez e media. Xa con Aurora lelle a parte da carta de Seoane na que este lle pedía que fose a saudala e a darlle desculpas por non terlle entregado as cartas de presentación. Confesa que pouco puido estar con ela, porque ás once o barco seguiu a súa ruta, sen permitir á pasaxe descender do buque, por iso non lle foi posible acompañala por Vigo, como sería o seu desexo.

Aurora pareceulle unha moza moi interesante e simpática á que se ofreceu para todo o que necesitase. Ela quedou en escribirlle dende París. El anuncia a intención de mandarlle cartas de presentación para intelectuais de Madrid. Se vén a Galicia, como proxecta, dille a Seoane: «Excuso dicirche que a acompañarei a Santiago e a algún sitio máis, con obxecto de facerlle aquí a estancia o máis grata posible».

O 22 de agosto de 1953, Aurora Bernárdez e Julio Cortázar casaban no concello do parisiense distrito IV.