Historia de antropoloxía da enfermidade no medio rural para o premio Blanco Amor

La Voz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Roberto Fernández, César Fernández, Tosar e Lorenzo.
Roberto Fernández, César Fernández, Tosar e Lorenzo. Miguel Villar

A novela «A inmoral doutora Cons» chega agora ás librarías da man de Aira Editorial

03 may 2023 . Actualizado a las 11:37 h.

Roberto Fernández Álvarez é médico de atención primaria e exerce en Allariz. Unha faceta que se complementa coa de investigador, o que se ten traducido en traballos premiados neste apartado. A súa primeira novela presentouna ao premio Blanco Amor, e o xurado considerou que era merecente do galardón. A inmoral doutora Cons chega agora ás librarías da man de Aira Editorial e foi presentada na Deputación de Ourense, entidade que convoca o premio en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor.

Ambientada no ano 1945 e no medio rural ourensán, en Pazos de Arenteiro (Boborás), a novela reflicte o conflito que se xera coa chegada ao lugar dunha doutora. Nun tempo en que a medicina rural era moi precaria, e na que a superstición e a tradición aínda tiñan moita presenza, a doutora África Cons del Valle xera un conflito entre o costume ancestral e a formación científica. O narrador, Nonato González —alcumado O Golpe—, lembra os acontecementos vividos na súa adolescencia arredor da chegada de África Cons.

O escritor gañador do premio Blanco Amor sinalou na presentación da obra que a novela é «unha historia que fai antropoloxía da enfermidade no medio rural». Desvelou Roberto Fernández Álvarez que teceu o argumento cos tres fíos que «trenzan a historia da humanidade: amor, morte e violencia», aos que lle engadiu a súa visión antropolóxica.

Cesión solidaria dos dereitos

César Lorenzo (Aira Editorial) definiu a historia como moi ourensá, pola ambientación, o autor, a editorial e a portada —unha imaxe ao pé do río Arnoia—. Luís González Tosar, presidente do xurado e membro da Fundación Blanco Amor, incidiu nos aspectos destacados da proposta gañadora e lembrou que dúas das últimas obras galardoadas —a de Marilar Aleixandre (As malas mulleres) e a de Xesús Fraga (Virtudes e misterios)— foron recoñecidas despois co Premio Nacional de Narrativa.

Fernández Álvarez anunciou a cesión dos dereitos de autor ás iniciativas solidarias que desenvolve a Sociedade Española de Medicina General en Managua (Nicaragua) e o Tinduf (Alxeria).