Galicia, eixe da Porto Design Biennale 2023

Brais Suárez
Brais Suárez PORTO / E. LA VOZ

CULTURA

O tapiz realizado en 1979 por María Elena Montero sobre un deseño de Luis Seoane «Marisqueiras I» é unha das obras que David Barro levará á bienal portuguesa.
O tapiz realizado en 1979 por María Elena Montero sobre un deseño de Luis Seoane «Marisqueiras I» é unha das obras que David Barro levará á bienal portuguesa.

O proxecto, comisariado por David Barro, constará dunha exposición, a edición dun libro, obradoiros e conferencias, que comezarán o 19 de outubro

20 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia será o convidado da Porto Design Biennale 2023, que terá lugar entre o 19 de outubro e o 3 de decembro, como anunciaron os seus organizadores este mércores en Matosinhos. «É a maior bienal de deseño na península ibérica», enxalza David Barro, director de Didac, que recalca que os convidados das edicións previas foron Italia e Francia. «Para Galicia, a relevancia é brutal. Esta é unha grande oportunidade dende o punto de vista estratéxico para unir Galicia e o norte de Portugal», incide.

A proposta non é froito dunha casualidade: «Nos últimos anos Galicia vén amosando boas iniciativas no deseño, algo que se percibiu dende fóra». Así culminan anos de traballo, segundo o comisario: «É notábel o apoio da Administración autonómica co Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024, ao que se suma o labor de fundacións como Artesanía de Galicia, a Asociación Galega de Deseñadores e a Fundación Didac». Galicia. Procesos e formas é o nome do proxecto que Barro promove na bienal lusa: «Constará dunha grande exposición na Galería Municipal de Matosinhos, onde se incluirá unha retrospectiva sobre deseño gráfico, de produtos, estratéxico ou especulativo en Galicia, e abranguerá todo o último século».

David Barro, retratado este mércores na Escola Superior de Artes e Design de Matosinhos.
David Barro, retratado este mércores na Escola Superior de Artes e Design de Matosinhos.

Ademais do país convidado, deuse a coñecer onte o tema elixido polo comisario xeral da mostra, Fernando Brizio, que é unha das voces máis relevantes de Portugal no mundo da arte contemporánea. Será a auga, que «non só é relevante como ligazón das culturas de Galicia e Portugal», senón tamén porque «na nosa comunidade, o deseño e a industria chegan do mar», recalca David Barro. «Pensemos nas conserveiras, nas augas termais, Mondariz, Massó... Aí comezan os primeiros deseños para innovación empresarial. Xa o escribira Otero Pedrayo: “O Atlántico modela os procesos e as formas”», lembra o comisario onde está a raíz do título do seu proxecto.

Así, no seu conxunto, o traballo amosará «o lado procesual do noso deseño, pero tamén as formas propias galegas que, como dicía Luis Seoane, “están aí para quen saiba recollelas”», e cita de novo aludindo aos oficios tradicionais que acabaron creando unha estética tan recoñecíbel e única coma a de Sargadelos. Exhibiranse deste xeito no Porto proxectos que enfoquen o deseño dende a innovación e a tradición.

Pezas de porcelana e arxila do proxecto de Verónica Moar «In itinere» (2022), a cerámica de Sargadelos «Ramo vermello» (1969) e a portada deseñada por Manolo Méndez para o libro «Proel» de Luis Amado Carballo en 1927 na editorial Alborada. Son tres exemplos das obras galegas que se poderán ver na bienal portuguesa.
Pezas de porcelana e arxila do proxecto de Verónica Moar «In itinere» (2022), a cerámica de Sargadelos «Ramo vermello» (1969) e a portada deseñada por Manolo Méndez para o libro «Proel» de Luis Amado Carballo en 1927 na editorial Alborada. Son tres exemplos das obras galegas que se poderán ver na bienal portuguesa.

Paralelamente á mostra, a reputada editorial Expedimenta e a bienal coeditarán un libro co tema da mostra. «Será a grande operación saída do deseño galego», e analizará casos de éxito de empresas galegas partindo do Laboratorio de Formas, a escola desenvolvida por Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo, até a chegada da democracia e o pulo definitivo ao deseño. Tanto a exposición coma o libro terán unha visión prospectiva, na que se analizarán os recursos dos creadores galegos para entender as súas perspectivas e posíbeis ligazóns estratéxicas con Portugal.

Malia que aínda están por definir, están pensando en «organizar xornadas de deseño galego, unhas máis artesanais e outras máis innovadoras», que se realizarán nas diferentes sedes da bienal. Por último, ambicionan crear un foro máis concentrado no eido dos negocios, que «poida reunir clústeres empresariais, representantes das grandes empresas... e xerar valor económico e laboral, a maiores do valor cultural e patrimonial, que están garantidos».

Un certame de miras internacionais

A directora executiva da Porto Design Biennale, Magda Seifert, explica que esta iniciativa «naceu da vontade e do esforzo colectivo de dous municipios, Porto e Matosinhos, que recoñecen o poder da transformación do deseño para afrontar os problemas contemporáneos». Este certame pretende cubrir a «ausencia total en Portugal de proxectos que reflectisen a práctica e o pensamento no eido do deseño», un baleiro que se produciu coa fin do festival internacional ExperimentaDesign, celebrado bienalmente en Lisboa entre 1999 e o 2017. Daquela decidiuse «crear un grande evento aproveitando o interese histórico que teñen no deseño as dúas cidades e a Escola Superior de Arte e Deseño». O obxectivo é dar cabida a todos os temas relacionados co deseño, pero tamén fomentar o recoñecemento da disciplina a tres niveis: rexional, nacional e internacional.

Para recalcar este último aspecto, en cada edición escóllese o curador dun país convidado. Na primeira edición foi Italia; na segunda, Francia, e para esta terceira «xurdiu a oportunidade de España e, especificamente, un territorio coma Galicia, que ten unha proximidade moi grande co norte de Portugal; tamén compartimos costa e océano Atlántico, o que reforza a idea e importancia do tema que foi escollido para esta edición: a auga», explica Seifert.

A directora do festival comenta ademais que teñen a intención de traballar en dous sentidos: «Disciplinarmente, a cita está creada e dirixida ao mundo do deseño, a arquitectura e as artes contemporáneas, pero tamén se fai un esforzo para atinxir un público máis amplo. Hai que comprender que o deseño é un tema cotián», subliña.

A primeira edición celebrouse no 2019, cunha asistencia próxima aos 50.000 visitantes. Malia a pandemia, os organizadores apostaron por celebrar a segunda edición, no 2021, na que tiveron «que transformarnos profundamente, cunha organización moito máis dixital», detalla Seifert. Os máis de dez mil visitantes foron un éxito, dadas as restricións sanitarias, pero para este outubro esperan volver acadar os niveis da primeira entrega.