«Meu pai era unha fonte inesgotable de palabras», salienta a filla de Darío Xohán Cabana

CULTURA

Margarita Ledo escolleu palabras de Darío Xohán Cabana para celebrar o Día da Poesía.
Margarita Ledo escolleu palabras de Darío Xohán Cabana para celebrar o Día da Poesía. German Barreiros

O escritor lucense foi o protagonista na Real Academia Galega do Día da Poesía

24 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Palabras para Darío, para o poeta. Que mellor agasallo a quen foi labrador das palabras, das propias, das da terra, das vividas. Tamén das de lonxe, de Petrarca ou de Dante, traballadas para levalas á súa lingua. Palabras da súa filla: «Meu pai era unha fonte inesgotable de palabras, e nosoutras eramos lavandeiras que beben dela botando pingas fóra, derramando coma quen non coñece o deserto, nin o imaxina, nin o prevé. Pero chega». Era o recordo de Alexandra Cabana Outeiro, a filla de Darío [Xohán Cabana] e Amelia. Falaba onte, entre lusco e fusco, na Fundación Luís Seoane da Coruña, no Día da Poesía da Real Academia Galega [a sede da institución está en obras].

«Palabras rudas e claras de Darío nas mellores pezas de axitación; palabras que ordena en poemas que describen a existencia e revelan o que fica na sombra; palabras coas que loita e fai que cada consigna permaneza...». Así resumen desde a RAG o contido do volume Darío Xohán Cabana, estirpe de labradores, coordinado por Marilar Aleixandre, e que reúne os poemas escolmados e os textos da homenaxe de onte [texto dispoñible en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal].

Nun acto presentado pola académica Ana Romaní, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, lembrou cando leu o derradeiro libro de poesía de Darío, Cabalgada na brétema (2006). Para Freixanes a súa poesía «aliméntase do humus da vella estirpe, a memoria dos seus, que é a memoria de todos nós, raiceira antiga da carballa patrucia que terma do mundo, tal nos explica nalgún dos seus poemas. A poesía de Darío aliméntase da terra no seu sentido máis auténtico».

Na loanza para a ocasión, Margarita Ledo tamén salientou como a terra foi sempre parte esencial dese «orgullo dunha estirpe de labradores e artesáns» que o escritor adoitaba proclamar como materia da súa obra.

Os versos de Terra soaron na voz de Chus Pato: «Elixín este poema porque me permite un contacto directo co meniño que é e non é Darío Xohán Cabana. (...) Gústanme os meniños do Darío porque son intelixentes, solitarios e soñadores, e nesa soidade atópanse cun libro, con dous, sempre cunha illa, que os determinan».

Pepe Barro leu unha carta a Darío do seu pai, Ricardo, escrita en Zürich en 1972; Xoán Ramiro Cuba, o poema Hora da morte [«Gustarame morrer / baixo as follas de outono...», e así foi] e Marilar Aleixandre, Antioquía, «un canto de resistencia».

Non era doado agasallar con palabras a quen tivo de mestres, e amigos, a Manuel María, Xosé María Álvarez Blázquez e Méndez Ferrín. Do primeiro deixou escrito: «Se algunha vez, amigo meu, dixera / que non é túa a luz que máis amei, / ceguen meus ollos». A Blázquez, co que traballou na Editorial Castrelos entre 1971 e 1975, anunciáballe: «Ireite ver á casa de Coruxo / compañeiro do tempo máis belido». E Méndez Ferrín era para Darío «Irmán maior do lume proletario / que non claudica no furor do inverno».

Nun local ateigado de xente, soaba «a obra colosal de Darío, que está aquí, entre nós», anunciaba Ana Romaní. E alí estaba o poeta, na emoción de Anxo Angueira invocando a Rosalía: «A sombra é o poema que levo impreso nas entrañas porque mo dedicou Darío. Que un altísimo poeta se lembre de ti cando escribe é unha regalía que só se explica por sermos amigos e camaradas. Co poema vén tamén para min unha lección literaria e humana, política en todo caso, sempre».

Rosalía fíxose presente da man de Marica Campo: «E é que Darío Xohán Cabana nunca foi un escritor ensimesmado, solipsista, senón un home con conciencia de clase, solidario, tan galego como universal, a aprender do mesmo xeito que o noso gran símbolo, Rosalía, a dor do mundo na dor de Galiza. Así o verei sempre, na denuncia, axeonllado só ante o amor».

O soneto de Darío Se auga en tránsito son estes cadoiros..., no que «contra a sombra da morte brilla de súpeto a luz do instante feliz», foi recitado por Xosé María Álvarez Cáccamo. E os versos do poeta, como o seu Vocabulario chairego, fixéronse música interpretados por Lois Pérez.

Do Darío tradutor María Alonso Seisdedos lembrou como, «se cadra coas mil primaveras de Cunqueiro no pensamento, solicitaba apoio institucional para a modesta proposta de traducir mil libros ao galego».

Tocaba rematar con palabras de Alexandra: «E agora as palabras por veces agroman da memoria do corazón, dos oídos, das mans, e non sempre lles achamos o significado. E por veces fas o xesto, estás na situación, e non chega nin á punta da lingua esa palabra que a el lle afloraba viva e lixeira. Por veces. (...) Mais tamén por veces vén a palabra e sabes que cha aprendeu el, e aparece un viorto que non ata beizos, como me dicía o papá cando me enfadaba, senón que tece unha rede mesta e segura mentres nosoutras sermos. (...) Escollemos este poema [Your shall overcome] porque é un canto de amor e de resistencia diante do abismo, para o proletariado, para os vellos, para a lingua, para os nenos e nenas como a nosa Leonor, que son futuro de habermos futuro. Resistencia que é para nós o Darío. Sempre».