O inmenso Murguía

CULTURA

03 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Celebramos, desde o 1 de febreiro, o centenario da morte de Manuel [Martínez] Murguía (1833-1923), un dos grandes polígrafos de Galicia, tan grande como o foron, no seu tempo, o padre Feijoo, o padre Sarmiento, Ángel Amor Ruibal, Ramón Otero Pedrayo... Hai dous días, a Real Academia Galega inaugurou na Coruña os actos de homenaxe a quen foi o seu primeiro presidente (1906-1923).

Na obra de Murguía, desde os seus traballos de historiador aos estudos de antropoloxía cultural, que foron moitos, subxaz unha idea de Galicia que está, dun xeito ou doutro, na base dos discursos galeguistas contemporáneos e posteriores. Obra inmensa, sen dúbida, pero revisable, cen anos despois do seu pasamento, os historiadores e os filólogos de hoxe abordarán con espírito crítico os títulos maiores da súa inxente bibliografía e os momentos significativos da súa biografía, desde a inauguración da Academia Galega cun discurso en castelán (1906) ata a súa intervención nos Xogos Florais de Tui (1891) cunha alocución literaria en galego litúrxico. Para ese labor os estudosos dispoñen da magnífica biografía de Xosé Ramón Barreiro Fernández, editada por Galaxia no ano 2012, sólida monografía que, en parte, está en débeda cun modélico estudo bibliográfico de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda titulado Para unha bibliografía, correcta e completa, de Manuel Murguía (BRAG, 361, 2000, páxinas 15-58). Xa aquí, non debo subtraer aos lectores a dedicatoria que estampou nun exemplar da súa ambiciosa biografía o propio Barreiro Fernández: «Para Victoria, investigadora exemplar e á que tanto lle debe este libro. Con admiración e afecto. X. R. Barreiro».

Anterior á gran biografía de Barreiro Fernández, que tamén foi presidente da Academia, é un número monográfico do boletín da institución (ano 2000) con traballos non exentos de observacións críticas, aínda que sempre respectuosas, coa personalidade do Patriarca. Co que se sabe sobre a figura case oceánica de Murguía, os estudosos de hoxe están en condicións, sen faltárenlle ao respecto, de definir con máis precisión cal foi o seu labor e o seu influxo intelectual e político.