¿Día da ilustración?

David Pintor
David Pintor TRIBUNA

CULTURA

david pintor

30 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, 30 de xaneiro, coincidindo coa data de nacemento de Castelao, a Consellería de Cultura, en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, celebra o Día da Ilustración. Unha data na que tódolos anos se homenaxea un grande ilustrador histórico galego. Este ano a homenaxeada é a pintora María Antonia Dans, aproveitando ademais o centenario do seu nacemento.

Ao meu entender, con esta homenaxe ábrese un debate moi interesante. O feito de dedicarlle o día da ilustración a unha pintora en troques de a unha ilustradora (a propia María Antonia dixo nalgunha ocasión que se autodefinía pintora por excelencia) leva a reflexionar sobre os límites entre a pintura e a ilustración, e se esta última disciplina ten especificidade de seu como para ter un lugar propio dentro das artes plásticas.

Isto podería levar a pensar que ilustradores e pintores somos máis ou menos a mesma cousa. Ao fin e ao cabo, estas denominacións non deixan de ser etiquetas coas que clasificamos determinadas actividades artísticas e a verdade é que ámbalas dúas profesións traballamos de xeitos moi semellantes e a nosa formación técnica é practicamente a mesma. Se cadra esa liña que pretende separar aos ilustradores dos pintores é unha fronteira falsa que relegou á ilustración a espazos marxinais en favor dunha pintura que ocupou os espazos «nobres» da arte. Eliminar esa fronteira xustificaría a homenaxe dende a ilustración á pintora nada en Oza dos Ríos, pero ademais, por coherencia podería provocar que por fin os ilustradores tivésemos acceso aos espazos reservados ata agora case exclusivamente aos pintores como, por exemplo, os museos públicos de arte contemporánea, as coleccións de arte dos concellos, das deputacións ou mesmo da propia Xunta de Galicia, as academias de Belas Artes, os libros de arte editados polas deputacións, os padroados de fundacións artísticas públicas, os xurados de certames artísticos e moitos outros máis.

Pensándoo ben, inda cabería outra posibilidade quizais máis ambiciosa. Ao mellor inda estamos a tempo de acadar as dúas cousas: por unha banda, que se respecte a nosa especificidade como profesión diferenciada dentro do conxunto das artes plásticas e, pola outra, que as institución públicas teñan a sensibilidade suficiente para tratar a nosa profesión do mesmo xeito que o resto de profesións artísticas en Galicia. Conseguir isto dependerá moito de que os ilustradores teñamos a forza para reivindicar que a nosa profesión sexa respectada e que a súa importante contribución á historia da arte visual de Galicia sexa recoñecida e valorada. Iso si sería un bo motivo para celebrar.