«Tirano Banderas»: A gran novela de antes e despois

CULTURA

archivo díaz casariego

Manuel Rivas escribe sobre o xenio e a vixencia dunha das grandes obras de Valle-Inclán, que La Voz ofrece este domingo aos seus lectores

27 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tirano Banderas é algo máis que unha gran novela. É unha obra de excepción, no sentido literal. Foi e segue a ser unha especie nova, diferente a canto existía, xenesíaca. Mesmo semella estar escrita nunha antiga lingua nova. Co seu castelán de curvas galegas, coa súa diversidade de americanismos, coas súas propias invencións, é un prodixio no que obra a liberdade no corpo da linguaxe. Ten o seu propio tempo e o seu propio espazo. Unha psicoxeografía de seu que non afasta a historia da realidade, senón que a fai máis real, pois traspasa as convencións do realismo, nese anhelo da indómita ollada poética de dar a ver o que non está «ben visto». Porque se nos oculta ou porque o medo ao desacougo non nos deixa mirar.

E vémolo, en Tirano Banderas, o que non estaba ben visto, coma nunca antes se vira.

Tres anos antes de que se publique, Valle-Inclán fala nunha entrevista (La Pluma, xaneiro 1923) dunha procura dual: reflectir a realidade social coa calidade de beleza dos clásicos. O desafío de expresar o actual coa éxtase do intemporal: «Facer algo nun xeito popular e cun sentido eterno da actualidade».

Ese lugar emancipado, ese propósito, conseguiuno con Tirano Banderas (1926) e tamén coas obras que seguiron para o magno proxecto de Ruedo Ibérico. Imaxinen dun ano para outro poder ler Tirano Banderas, La corte de los milagros e Viva mi dueño. Nun tempo histórico, ademais, o da ditadura de Primo de Rivera, marcado pola mediocridade política e a censura. Valle-Inclán era un personaxe célebre, valorado polo seu talento, enxeño, e, por moitos, polos actos de desobediencia ante o poder autoritario, pero tamén foi moi combatido. Era un personaxe popular, mais non un autor «popular». Existe a «felicidade clandestina» de que unha lectora encontre o libro que soñaba. Neste caso, segundo as testemuñas, a felicidade foi pública.

-Marchando un Tirano Banderas!

-Velaí vai un Viva mi dueño!

Libros que cumprían o desexo cervantino: voar alegremente cara aos lectores. E que libros!

Abrir hoxe e ler o Tirano Banderas e tremen as mans con ese «sentido eterno da actualidade». Todo está en vilo. Todo está a ocorrer nun transtempo, onde o presente recorda e o pasado agoira. Tense definido como a obra que inaugura o ciclo das novelas do ditador (ou caudillo ou supremo) latinoamericano co seu ronsel de desvarío e cruel alucinación histórica. Mais ese é un reducionismo. Certo que a obra de Valle-Inclán polinizou moitas outras posteriores con ese común asunto de sátrapas que martirizaron os seus pobos. Pero Tirano Banderas acada esa condición de «clásico» que soamente prende nalgunhas obras. E velaí o aparente paradoxo: son clásicas porque sempre son contemporáneas. E esa «contemporaneidade» vén dada porque o que se conta responde a esa «actualidade eterna», mais tamén por ese estado de vilo das palabras, esa conexión co murmurio da vida, a percepción de que o que fala é o acento da verdade.

A prosa de Valle-Inclán é desa fundición, da mellor. Nada se perde. Todo ten unha aura

Eric Auerbach, en Mímesis, esa obra capital sobre a representación da realidade, fala da antiga distinción entre o estilo elevado ou sublime e o baixo ou humilde, e como en certos relatos míticos ou relixiosos, como a paixón de Xesús no cristianismo, fan desaparecer esa distinción, funden a sublimitas e a humilitas, o sublime ou culto e o popular. A prosa de Valle-Inclán é desa fundición, da mellor. Nada se perde. Todo ten unha aura. Todo, si, está en vilo. Non importaría que se fose a luz, porque seguiriamos a ler cos dedos na escuridade.

E ler co alento contido pola eterna actualidade.

Para o informe Nunca máis, onde se rexistran os crimes da última ditadura arxentina (1976-83), Ernesto Sábato escribiu un limiar onde define a natureza daquel réxime criminal: «Un horror máis alá do horror». Un dos xeitos máis estarrecedores de desfacerse de moitas persoas perseguidas foi guindalas ao mar, crendo que así desaparecerían comestas polas quenllas ou outros depredadores do mar. Até que comezaron a aparecer corpos no litoral do Mar da Prata. Cada vez máis cerca dos propios cuarteis onde se exercía a tortura.

Ninguén acadou a contar o que pode significar este «horror máis aló do horror» como o fai Valle-Inclán en Tirano Banderas, nun dos escenarios centrais na novela, o forte de Santa Mónica, o lugar da represión. «Hilo de la muralla, la curva espumosa de las olas balanceaba una ringla de cadáveres». Un preso, que espera a súa hora, comenta: «¡Los chingados tiburones ya se aburren de tanta carne revolucionaria, y todavía no se satisface el cabrón Banderas! ¡Puta madre!».

Si, a eterna actualidade rexorde en cada recanto desta construción poliédrica. Valle-Inclán ten o grande acerto de situar a historia nun lugar psicoxeográfico, Santa Fe de Tierra Firme, que non está no mapa, pero si na máis verosímil das realidades, como un país de países, e non só América. Tamén España, no que hai de triste historia. Así, Santa Fe é un grande escenario da humanidade, un local universal. De primeiras, o retrato de Santos Banderas, o tirano, pode semellar a caricatura esaxerada dun exótico mandatario diso que adoitamos chamar «república bananeira». Mais o realismo é atroz. A riqueza verbal fertilízanos a mirada, traballa pola precisión. «Inmóvil y taciturno, agaritado de perfil en una remota ventana, atento al relevo de guardias [...] parece una calavera con antiparras negras y corbatín de clérigo». Unha vez máis, Valle-Inclán demostra que o esperpento é un recurso que afonda non realismo, non o distrae: axúdanos a captar, a capturar, a borrosa realidade. Os trazos remítennos a personaxes anteriores á obra, como o mexicano Porfirio Díaz, o de «primero disparen, luego verigüen», ou o arxentino Rosas, xenocida de indios, ou tantos outros. Mais tamén anticipa o futuro, a produción industrial do horror. Podemos ver a Tirano Banderas, a caveira con antiparras negras, nun prisma facial de Pinochet, Videla, Stroessner e Franco.

Velaí o valor e a necesidade da literatura cando asume a coraxe de dicir o que non pode dicir. Co capítulo da represión en Santa Mónica chegamos ás entrañas criminais da historia do poder absoluto, cando non existen seres humanos, senón amigos ou inimigos, afectos e desafectos. O que aí se nos conta equivale, na información esencial, aos volumes que se poden amorear nun organismo internacional. O extraordinario desta novela verbo da cuestión do poder totalitario é que non a reduce ao triunfo da cobiza dun paranoico que se alza co dominio dun pobo por medio da represión e tamén da hipnose colectiva. Si, Tirano Banderas é un personaxe de moito interese, non é un monicreque do autor, ten matices e mesmo un drama familiar secreto que o corroe, o da filla tola. Pero o que fai o novelista de xeito maxistral é destripar os mecanismos do poder absoluto, as implicacións dos grandes poderes económicos, a hipocrisía dos círculos diplomáticos e das grandes potencias, as manobras para inutilizar a oposición máis pusilánime, a complicidade servil dunha parte do xornalismo e da xente ilustrada que se deixa pasar a man polo lombo.

Se nada se perde en «Tirano Banderas», se nada está de máis, hai anacos que me atrevería a cualificar de bíblicos

Se nada se perde en Tirano Banderas, se nada está de máis, hai anacos que me atrevería a cualificar de bíblicos. Na literatura universal hai moi eficaces descricións da inxustiza, pero, entre as máis estarrecedoras e inesquecíbeis, eu diría que contada a inxustiza como nunca se contou está o episodio da detención da muller india, a Chinita, pola falsa denuncia dun prestamista, e como os gardas a levan arrincándolle das mans á crianza que está botando a andar. «¡Ven! ¡Corre!», bérralle a nai. «Pero el niño no se movía. Detenido sobre la orilla de la acequia sollozaba, mirando crecer la distancia...» O que sucede a continuación hai que lelo. Para min, o gran personaxe de Tirano Banderas, o verdadeiro contrapunto ao sátrapa, sendo o conxunto engaiolante, é o indio Zacarías, o home da Chinita e pai do neno abandonado.

Cando ten noticia de que levaron a muller presa, e do destino terríbel do rapaz, Zacarías senta a cavilar á porta da choza: «De tan quieto, las moscas le cubrían y los lagartos tomaban el sol a su vera».

Estouno vendo.

Estou vendo á esmagada humanidade cavilar.

Na súa primeira viaxe e estancia en México, sendo novo e aprendiz de escritor, non hai noticia de feitos biográficos sobresaíntes. Mais a experiencia persoal, cultural e sensorial tivo que ser moi intensa e marcaríao para sempre. El tamén podería dicir como se di no poema Non serviam do sueco Gunnar Ekelöf: «Son un estranxeiro neste país, pero este país non é estranxeiro dentro de min!». Esa vivencia mexicana tivo a natureza dunha verdadeira metamorfose, dunha revolución óptica, como el mesmo desvelou a Alfonso Reyes, talvez o mellor confidente posíbel. Un sabio que viviu o exilio en España e que logo foi un almeiro solidario para os refuxiados republicanos españois. Pois ben, a Alfonso Reyes, antes de viaxar como convidado especial do goberno mexicano ao centenario da independencia, dille en Madrid: «México me abrió los ojos y me hizo poeta. Hasta entonces yo no sabía qué rumbo tomar».

A teoría convencional das dúas épocas de Valle-Inclán, a do mozo esteta modernista e o transgresor do esperpento, non ten sustento e responde á típica preguiza dos taxidermistas da literatura. Desmóntaa de raíz José Amor no seu ensaio La radical apostura de Valle-Inclán. Mais foi durante tempo un lugar común. Cando se publicou Sonata de estío, Ortega y Gasset, como moitos outros, esvarou na superficie da obra e recomendou a Valle-Inclán aterrar na realidade e narrar «cosas humanas, harto humanas». O que hai en Valle-Inclán é sempre unha pescuda, un inconformismo, unha viaxe cara ao descoñecido. Fronte á produción previsíbel, ese activismo de abrir pasos, de traspasar o que semella inaccesíbel.

Valle-Inclán foi un corpo aberto. Foi libre en cada unha das súas vidas, das súas máscaras

Unha pescuda incesante, transgresora, que esixe o valor de andar ás ceibas e pola beira do cantil. E que atinxe ao xeito de escribir e ao xeito de vivir. Como el mesmo escribiu, «llevo sobre mi rostro cien máscaras de ficción que se suceden». Mais esas máscaras sempre foron verdadeiras. Elias Canetti atribuía ao escritor dúas obrigas inseparábeis: custodiar o sentido das palabras e ser custodia tamén das metamorfoses. E Valle-Inclán cumpriu esas dúas misións dun xeito admirábel, enfebrecido. Foi un corpo aberto. Foi libre en cada unha das súas vidas, das súas máscaras. Nunca alugou a súa liberdade. Mesmo foi libre o día do seu enterro en Boisaca, Compostela, aquel día de xaneiro do 36 baixo o trebón. Un morto libre.

Ese inconformismo, ese ser indómito, está na orixe, no espertar da ollada poética, e mantense até a derradeira liña. En 1900 presentouse a un concurso de contos do xornal El Liberal. O relato titulábase Satanás. Un membro do xurado, Juan Valera, recoñecería máis tarde que era o mellor, pero que non lle deran o premio «por lo espeluznante, tremendo y escabroso del asunto». Dígase o que se diga, e algúns intentos houbo de «edulcorar» a súa biografía, no camiño de Valle-Inclán houbo moitas espiñas. E mesmo censuras, prohibicións e detencións, en especial no tempo da ditadura de Primo de Rivera. En Ruedo Ibérico escoitamos unha voz de muller que protesta na noite: «¡Este cochino gobierno se mete hasta con las coplas!». Nese transtempo no que escribe, que ben retratou a lei mordaza! Como o fixo coa corrupción, coa canallocracia, e outras taras e doenzas que seguen a rilar a nosa sociedade.

Como na pescuda do manancial polo vedoiro zahorí, en Valle-Inclán o pulso da estética e da ética van acompasados. Non hai unha doutrina ou teoría que apadriñe a obra. É esa liberdade radical, a que está no corpo da escrita, a que fai inconfundíbel o acento da verdade. Esa liberdade está nas Sonatas, nas Comedias bárbaras, no profundar sentipensante de La lámpara maravillosa, no faiscar insólito de La pipa de kif (1919). Valle-Inclán non se repite, non se engaiola. En 1920 publica Luces de bohemia. Nomea o esperpento, esa revolución óptica, que equivale a unha non efémera vangarda do mirar. Está a cismar continuamente no sentido do seu mester, nas ideas estéticas, nos lampos vangardistas. Mais tamén no abalar da historia. A liberdade, cando se pon a andar, significa máis liberdade. Non é un home descosido da súa época. Pola contra, o mozo fidalgo carlista non ficou na vitrina dun museo. Vai ser moi sensíbel ás loitas e ás utopías sociais. E o que é máis importante, alén de doutrinas e teorías, ten unha sabedoría que moitos outros estetas non teñen: coñece a dor. Escoita o sufrimento. Mostra, con sutileza e ironía, onde radica o partido da humanidade e onde a inhumanidade. É unha constante que non sempre se detecta ou subliña en Valle-Inclán. A rebelión contra a inxustiza. E na literatura o xeito máis eficaz desa rebelión non é facer proclamas, senón describila co máis eficaz dos estilos: a precisión sensorial.

O escritor mostrou a súa simpatía pola revolución mexicana e pola «revolución latente en toda América Latina»

Aínda que estivese levedando no interior, o agromar de Tirano Banderas prodúcese despois da súa segunda viaxe a México, esta vez convidado con todos os honores para participar no centenario da independencia. Alí expresou as súas simpatías pola revolución en América Latina e a prol das reformas para acabar coa marxinación da poboación indíxena e as brutais desigualdades. Por certo, foi obxecto dun auténtico escrutinio policial por parte da Legación española. Mostrou a súa simpatía pola revolución mexicana e pola «revolución latente en toda América Latina», e en especial clamou pola emancipación indíxena. Nunha bandeira mexicana, deixou escritos estes hímnicos versos solidarios que enfureceron ao embaixador:

«¡Adiós te digo con tu gesto triste, indio mexicano!

¡Adiós te digo, mano en la mano!

¡Indio mexicano que la encomienda tornó mendigo!

¡Rebélate y quema los trojes del trigo!

¡Rebélate, hermano!...».