Vanessa Taboada: «Farei a valoración nutricional diaria dos pratos que se fagan»

Amelia Ferreiroa LALÍN / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

miguel souto

A TVG fichou á dietista lalinense para o seu espazo de cociña que comanda ao mediodía o cociñeiro coruñés Iván Mariñas

02 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A axenda da lalinense Vanessa Taboada Santín ten, a estas alturas, poucos ocos. Ás moitas horas que dedica aos seus pacientes en consulta, hai que engadir a impartición de cursos, a colaboración semanal no programa Voces do Deza de Radio Voz os xoves, e agora a súa participación diaria no programa Estache bo! da Televisión de Galicia.

—Como se xesta esta fichaxe televisiva?

—Xa viña mantendo unha colaboración co programa, pero ata o momento centrábame en desmitificar certos mitos da alimentación: que se a cortexa do pan engorda máis que o meolo, que se os adultos non deben de tomar lácteos... bueno hai 40.000 cousas que se comentan... Pero agora farei a valoración nutricional diaria dos pratos que se fan, que o encargado de elaboralos é o cociñeiro Iván Mariñas. Avaliarei a composición do prato, en que patoloxías pode ser máis recomendado en algo máis dun minuto e ao fío das 13.30/13.40 dependendo da elaboración do prato que se faga ese día. Paso pois a formar parte do equipo Estache bo! da TVG, según me dixeron eles mesmos (ri). A verdade é que estou súper emocionada e agradecida por este paso máis nesta profesión que tanto me gusta.

—Participación cotiá no espazo televisivo, consulta, cursos, programa de radio, como vai artellar a axenda?

—E o martes próximo comezo un curso de nutrición na UNED (ri)... É cuestión de saber organizarse, e se che gusta o que fas sempre atopas sitio. É inmensamente gratificante ver bos resultados en pacientes que chegan a consulta con determinadas patoloxías, e que despois de semanas de dietas personalizadas e equilibradas, teñen unhas analíticas fantásticas. No próximo mes de setembro cumprirei 21 anos de profesión, e que veña agora unha oportunidade como está é súper bonita.

—Pola súa consulta no Lalín Arena, canto pacientes pasan aproximadamente á semana?

—Moitos (ri). Non sabería dicir un número exacto, pero si que comezo ás 8 da mañá a consultar e moitas veces non remato ata as 22 horas, e que pola consulta pasan pacientes de todos os puntos de Galicia: Ribeira, Lugo, Taragoña,... e por suposto de toda a comarca. Somos como unha gran familia.

—Volvendo o programa de cociña, para cando está prevista a primeira intervención no espazo?

—Trátase dunha sección innovadora dentro do programa Estache bo!, e se non se produce ningún cambio na parrilla de programación, según me comunicaron hoxe —por onte— está previsto que sexa este próximo venres.