A gala dos Mestre Mateo xuntará a máis de 2.000 persoas no Coliseum da Coruña

La Voz A CORUÑA

A CORUÑA CIUDAD

A presentación da gala dos Premios Mestre Mateo celebrouse na Filmoteca de Galicia, na Coruña
A presentación da gala dos Premios Mestre Mateo celebrouse na Filmoteca de Galicia, na Coruña ÁNGEL MANSO

A festa do audiovisual galego, a máis multitudinaria da historia dos premios, terá a Lidia Veiga e Miguel Canalejo, representantes da Xeración Xabarín, como mestres de cerimonia 

30 ene 2024 . Actualizado a las 19:16 h.

  A sede da Filmoteca de Galicia na Coruña acolleu este martes a presentación da 22. ª edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego, na que se deu a coñecer tanto a imaxe gráfica como algúns dos principais detalles da gala de entrega que se celebrará o sábado 23 de marzo e terá como escenario, por primeira vez, o Coliseum coruñés. Será esta a súa convocatoria máis multitudinaria, xa que concurren 173 producións e 493 profesionais do sector. 

As películas que participan nesta edición dos Premios Mestre Mateo obtiveron unha boa resposta de público na súa estrea en salas de exhibición superando os 325.000 espectadores, o que supón un aumento do 48 % con respecto ás cifras acadadas polas películas participantes na edición anterior. A ficción televisiva tamén colleita salientables éxitos de audiencia nas diferentes plataformas de streaming e nas canles xeralistas, uns resultados que elevan o listón. De aí a elección do recinto que acollerá a entrega de galardóns, que quere corresponder a este éxito de público «celebrando a gala máis multitudinaria da historia dos premios, abrindo as portas a preto de 2.000 asistentes», indicou o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra.

Os intérpretes Lidia Veiga e Miguel Canalejo serán os encargados de conducir a gala que dirixirá a dramaturga Noemi Rodríguez.  Os dous, representantes da Xeración do Xabarín, como lembrou o presidente da Academia, son rostros coñecidos para o público e xa pisaron a alfombra vermella dos premios en diversas ocasións. A actriz arzuá foi finalista en 2021 como mellor actriz de reparto polo seu papel de Uxía na serie «A lei de Santos».  Pola súa banda, o actor coruñés recibiu un Mestre Mateo en 2021 pola serie web« Xan», que escribiu e protagonizou; tamén foi finalista en 2016 coa curtametraxe «Quinta provincia» e en 2020 coa serie web «Clara Cortés».

 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil,  enmarcou o apoio do Goberno galego a esta convocatoria anual no convencemento de que «o incentivo e o estímulo profesional contribúen a un mellor desenvolvemento da creatividade e a unha maior visibilidade dos nosos filmes, dos seus artífices e dos seus protagonistas».  O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades lembrou que, ademais deste proceso para o recoñecemento dos proxectos máis destacados do panorama audiovisual galego no último ano e das actividades que se organizan en paralelo aos premios, o evento de entrega «resulta ser unha das citas culturais do ano en si mesma». «A súa coidada produción contribúe como ningunha outra iniciativa a prestixiar o noso cinema e a fomentar este sentido de pertenza para lle facer partícipe a toda a sociedade desa imaxe tan brillante proxectada polo noso audiovisual», suliñou.  

 No transcurso deste acto tamén foron presentados o cartel da vixésimo segunda edición dos premios, inspirado na estética vapor wave, e o lema deste ano: «Hai alguén aí? Si?, Non? Si?», mítica frase coa que arrancaba o coñecido programa Xabarín Club, da TVG. Nesta mesma liña, a temática da gala vai estar relacionada coa televisión dos anos 90, de xeito que se fará fincapé no positivo percorrido descrito desde entón polo audiovisual galego.

Pola súa parte, o concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, destacou a importancia que o audiovisual ten para A Coruña, cidade onde José Sellier gravou o primeiro filme acreditado a nivel nacional. «O apoio do goberno de Inés Rey á industria e ao sector audiovisual queda demostrado con feitos como esta gala dos Mestre Mateo, que este ano abrimos máis se cabe á cidadanía coa celebración desta gran festa no Coliseum», indicou antes de lembrar a aposta do Concello da Coruña pola cultura do cine coa programación de ciclos mensuais e trimestrais nos recintos municipais ou eventos coma Cinema Diverso ou Cinema por Mulleres, tamén como reivindicación da diversidade, do pluralismo e da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.