«Cremos que na Coruña podemos ser chave de goberno e poñer condicións»

Elena Silveira
elena silveira OLEIROS / LA VOZ

BETANZOS

Ángel Manso

O líder de Alternativa dos Veciños aspira a revalidar a maioría absoluta e estar presente en sete concellos da área

20 ene 2018 . Actualizado a las 13:18 h.

Naceu político e morrerá político. Xa o di el: «A min só me vai xubilar o pobo». E pola tendencia dos últimos anos, nos que Alternativa dos Veciños acadou maiorías absolutas consecutivas, parece que Ángel García Seoane (Oleiros, 1952) ten clara a súa vitoria nas próximas eleccións municipais: «Eu non son vello, con 65 anos non me vou xubilar. Aínda teño correa para rato...», comenta. Iso si, coa satisfacción de ter moitos dos seus obxectivos cumpridos.

-Alternativa dos Veciños chega xa á súa madurez política.

-Si. Hai 38 anos da primeira candidatura.

-E mantéñense os principios daqueles anos?

-Naqueles tempos pretendíamos o desenvolvemento do pobo. Non había nada: nin sumidoiros, nin infraestruturas, nin auga nas casas... Os grandes obxectivos fóronse logrando e coa aprobación dos tres plans xerais fomos protexendo o territorio da especulación atroz que había antes. Agora o noso esforzo está en ordenar o municipio e crear espazos para vivir.

-É aplaudido pero tamén criticado pola súa política urbanística.

-Moita xente non nos entendeu no seu momento. Sobre todo os propietarios da terra, pero co tempo moitos cambiaron de opinión. Dende logo, a batalla máis grande foi a urbanística. Acusáronnos de cobrar impostos revolucionarios, de terroristas... E a década dos 90 foi a máis dura, en minoría e cos partidos políticos en contra. Pero agora vemos os resultados.

-A actual maioría absoluta permitiralles un respiro.

-Grazas a ela si que podemos levar adiante con tranquilidade grandes proxectos. Pero sempre se pode acadar máis poder e poñer condicións ás outras Administracións. E en política non podes baixar a garda. Tes que estar loitando sempre. A política está chea de traidores e vendidos.

-Que tal a súa relación con Xulio Ferreiro?

-Non vou falar mal da Marea porque creo que hai vontade e ganas de facer cousas. Pero a Marea ten que aprender o oficio. Creo que non escoitan e non se deixan aconsellar. A miña relación coa Marea é boa, pero aínda teñen que aprender.

-Ferreiro di que non saca adiante proxectos porque llos boicotean as Administracións.

-Hai moitas formas de boicotear e penso que si, que poden ter o boicot dentro.

-A que se refire?

-Aos propios funcionarios... Un expediente pódese paralizar de moitas formas. E sei do que falo.

-No seu momento dixo que Alternativa se presentaría ás eleccións autonómicas.

-De momento, nada de nada. Pero nas próximas eleccións municipais si estaremos presentes en sete concellos da comarca coruñesa: A Coruña, Culleredo, Cambre, Oleiros, Carral, Arteixo e Cerceda. E non descartamos facelo tamén nalgún da zona de Betanzos. Estamos buscando xa as persoas que formarán estas candidaturas e que terán a súa sé comarcal nun local en Culleredo. Aspiramos a gobernar nalgún destes concellos.

-En solitario?

-Presentámonos para iso. Por exemplo, na Coruña conseguimos 2.000 votos nas últimas eleccións municipais, e sen facer campaña. Cremos que alí podemos ser chave de goberno. Se conseguimos polo menos dous concelleiros seremos capaces de poñer condicións. Tamén hai posibilidades de gobernar en Cambre.

-Pero gobernaría coa Marea?

-O problema da Marea é que lle faltan mareantes.

-Pero identifícase con eles?

-Somos cousas distintas. Todo o que as Mareas representan aquí xa se deu no ano 1979. O que pasa é que nós xa somos expertos na vida municipal e en chegar a acordos.

-Cite a algún político ao que admire.

-[Silencio] Algún que non chegou a gobernar. [Pido que concrete]. Pois a relación con Quintana sempre foi moi boa; e Touriño, socialista e excomunista, sen embargo non nos chegou recibir en catro anos. Fraga, por exemplo, sempre nos tratou cun respecto tremendo e sempre nos recibía. É unha contradición? Non. Eu son un tío serio e non por ser de esquerdas alguén é mellor. O que faría falta sería coller unha peneira e sacudila, xa verías como nos partidos políticos quedan con tres ou catro persoas.

-Hai quen di que vostede é un «prexubilado político» e sen ideas.

-Eso que din é o alimento do guerreiro. Levo en política dende que tiña 4 anos. E teño un armario cheo de ideas e proxectos.

-De onde saca tanta enerxía?

-Cóidome! Por sorte teño boa saúde e fago moito deporte. E a enerxía ma dan todos os que me rodean. Gelo non é o capitán Trueno. Son 39 anos, pero con moitas persoas máis traballando.

-Conseguirá unha maioría absoluta máis ampla? [Agora ten 14 dos 21 concelleiros]

-Nós non imos facer política de cara ás eleccións nin promesas que despois non poidamos cumprir, como fan outros.

«A relación persoal no Consorcio é boa; a política, fatal»

García Seoane xa ocupou un escano na Deputación en 1979. «Era o deputado máis novo, con tan só 27 anos», recorda. Case catro decenios despois, volve ter unha butaca no organismo provincial.

-Que supuxo para Oleiros a entrada de Alternativa na Deputación?

-Máis ben que aportou Oleiros á Deputación. É un goberno que me escoita e que desenvolve accións propostas por nós, como a loita contra a velutina, os plumachos ou un maior control na distribucións das subvencións. Nestes anos, a Deputación nos aportou o triplo dos ingresos que antes. Agora o reparto é equitativo.

-Parece que no Consorcio non hai tan «bo rollo»...

-A situación persoal é boa. A relación política vai fatal. E se segue por este camiño mal futuro terá. Podería romperse antes de tempo. O problema é que o PP boicotea a creación da área metropolitana e non pode ser que se organice unha charla en Culleredo para falar do futuro das infraestruturas na comarca e non estea convidada A Coruña.

-Culleredo xa non é dos seus?

-Con Julio Sacristán non había problemas e loitou moito por mellorar as infraestruturas. O que entrou agora [José Ramón Rioboo] está totalmente fora de lugar. Non pode ser que o PSOE ignore ao alcalde da Coruña, e máis no tema das infraestruturas. Este alcalde está máis por prometer cousas de cara ás eleccións que por facelas.

-Cre que habería que fusionar máis concellos na comarca?

-A narices e sen medo, e directamente polo Goberno galego. Hai concellos que teñen 500 habitantes, algo sen sentido. Con todos os respectos... por que Coirós non se fusiona con Betanzos? Só por un nome, por titulitis? Hai exemplos fáciles de levar adiante.