Pilar Barja, concelleira de AV de Bergondo: «Isto é unha cacería política, eu son inocente»

BERGONDO

Pilar Barja, no pleno de investidura, entre Juan Fariña e Pablo Santiso, os outros dous concelleiros de Alternativa de Veciños de Bergondo
Pilar Barja, no pleno de investidura, entre Juan Fariña e Pablo Santiso, os outros dous concelleiros de Alternativa de Veciños de Bergondo MIGUEL MIRAMONTES

Considera que detrás da polémica polas contas da ANPA está un intento por danar a Alternativa dos Veciños

04 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Pilar Barja, concelleira de Alternativa dos Veciños de Bergondo, vincula a unha guerra política a polémica ao redor das contas da APA As Mariñas do Cruz do Sar. Di que hai interese en mesturar os resultados de dúas auditorías, unha das contas da ANPA, que derivou nunha denuncia contra a súa xestión como tesoureira da entidade, e outra sobre os gastos que esa entidade non xustificou ante o Concello e que levou ao PP a pedir un pleno extraordinario que se celebra este xoves as 19.00 horas.

—Vostede defende a súa xestión ao fronte da tesourería da ANPA.

—Non teño ningún céntimo dos cartos da ANPA.

—Mais a auditoría realizada pola ANPA cuestiona pagos realizados na súa etapa como tesoureira.

—Eu dareille con todo luxo de detalles explicacións ao xuíz no que atinxe a miña xestión. A conclusión desa auditoría é que non pode xustificar, porque non ten documentación, por que motivos se fixeron transferencias a miña conta. Pero son transferencias que foron asinadas electronicamente pola presidenta da ANPA.

—E se a ANPA non as xustifica non o pode facer vostede?

—Eu si, e a presidenta tamén se quixera, pero non quixo ou non lle deixaron facilitar a factura polo que se fai esa transferencia.

—Hai que entender que as facturas que se ingresaron son pagos que fixo vostede pola ANPA?

—Efectivamente.

—E os cargos a Amazon, a estacións de servizo e unha clínica de fisioterapia cunha tarxeta?

—Esa tarxeta black da que falan, iso é unha cacería política e estamos bailándolles a auga. Todos colaboran a facer ruído, a ver cando se aclare todo onde se dirimen as responsabilidades.

—Eses gastos son xustificables?

—Eu teño todo perfectamente documentado e dareillo ao xuíz.

—E non ao pleno?

—Non é un asunto dos plenos. Iso non ten que ver co Concello.

—O Concello pediu esa auditoría a ANPA porque é unha entidade que recibe fondos públicos.

—A auditoría que vai ao pleno é outra. Son dous asuntos diferentes, unha é a miña, e outra é das subvencións que da a unha asociación. O Concello tería que mirar se merecía ou non unha subvención, en lugar de dar o tope máximo subvencionable. Fíxose agora, polo ruído, un traballo que se tería que ter feito ano a ano.

—Entón por que cree que se lle denuncia se a presidenta ten esas facturas? Cree que hai tamén caza política na ANPA?

—Afírmoa, porque saíu da boca da directiva.

—Na cacería quen sairía gañando?

—Todos menos nós, Alternativa, que é a quen fan dano e a quen queren ensuciar.

—Pensou en dimitir?

—Por que teño que dimitir se son inocente? Non se me pasou pola cabeza. Ademais, non son as cantidades publicadas, as supostas irregularidades que reclama a auditoría da ANPA non chegan a 1.000 euros, pero non falta nada.

—E os 23.000 que pediu o Concello?

—Viron que non tiñan que ter dado tanto. A ANPA tiña superávit, abonouse, non teñen que pagar nada os pais e non afecta tampouco ao seu funcionamento.