A preseleccionada ao Óscar Alauda Ruiz de Azúa recibirá o Premio Eduardo Barreiros do OUFF

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

A CORUÑA

Cedida

30 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cinco lobitos, de Alauda Ruiz de Azúa, será premiada co Eduardo Barreiros do Festival de Cine de Ourense (OUFF). O certame, que este ano terá lugar entre o 23 de setembro e o 1 de outubro, premia nesta categoría a mellor primeira ou segunda longametraxe do cine español do último ano. O premio recaeu neste filme preseleccionado para representar a España nos premios Óscar xunto a Alcarràs, de Carla Simón, e As bestas, de Rodrigo Sorogoyen. A concesión do galardón farase efectiva nun acto público que terá lugar o 24 de setembro no Teatro Principal de Ourense e que contará tamén coa proxección do filme.

Cinco lobitos presentouse na sección Panorama do Festival de Berlín e foi a gran triunfadora do último Festival de Málaga, facéndose coa Biznaga de Ouro á Mellor Película, Mellor Actriz (Laia Costa e Susi Sánchez, ex aequo), Mellor Guión, Premio do Público e Premio do Xurado Novo.

O filme

No filme, Amaia (Laia Costa) acaba de ser nai e dáse conta de que non sabe moi ben como selo. Ao ausentarse a súa parella por traballo unhas semanas, decide volver a casa dos seus pais, situada nunha bonita vila costeira do País Vasco, e así compartir a responsabilidade de coidar ao seu bebé. O que non sabe Amaia é que, aínda que agora sexa nai, non deixará de ser filla. Os roles na familia dan a volta cambiando as súas relacións para sempre.

Alauda Ruiz de Azúa (Baracaldo, 1978) estudou Comunicación Audiovisual e Filoloxía Inglesa. Tras licenciarse, mudouse a Madrid, onde se graduou en Dirección de Cinema na ECAM no 2005. O seu traballo de fin de diplomatura, Clases particulares, supuxo un exitoso debut no mundo da curtametraxe, e obtivo máis de 30 premios.

Despois deu o salto á realización publicitaria, no 2007. Ata o día de hoxe compaxinou a súa carreira publicitaria cos seus traballos máis persoais en formato de curtametraxe (Nena, Dicen ou Lo importante) participando en máis de 400 festivais e obtendo máis de cen premios.