«Moitos castañazos teño dado co carro!»

Loreto Silvoso
LORETO SILVOSO A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

MARCOS MÍGUEZ

Empezou a vender os cornetes de castañas asadas en 1989. Daquela ían a 100 pesetas

05 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai nada que saiba máis a outono que un cornete de castañas asadas para quentar as mans. Pura Gómez (Val do Dubra, 1957) coloca o seu sorriso na rúa Real cando arrinca o frío. Nela parouse o reloxo do tempo.

-Este ano pareceu que non daba chegado o outono. Xa se vía vendendo xeados no canto de castañas (na empresa familiar teñen os dous tipos de carros)?

-A nosa vida é esta. Xeados no verán e castañas no inverno; pero eu prefiro vender os xeados, eh. Coa castaña andas máis sucia.

-E quéimase? Cantos castañazos tense dado co carro?

-Moitos! Ai, si. Moitos castañazos teño dado co carro! Disto que deixas a porta aberta e non te das conta e dáste un coscorrón. Pero tamén queimaduras e de todo, eh. Son cousas do oficio.

-Leva con igual sentido do humor a expresión «Toma castaña»?

-A verdade é que eu non a utilizo moito. Cos nenos si, pero de broma, non con mala uva [risas].

-A canto ía antes o cornete?

-Meu home empezou vendéndoos a reais. Logo ían a unha peseta. El leva mais tempo ca min.

-Cando se introduciu vostede?

-Cando casei. Pero casei tarde. Hai 28 anos.

-E xa non ían a peseta, claro.

-Non. Eu xa empecei cobrando o cornete a 100 pesetas, ou a 150. Logo a 200 e así.

-E, agora, polo que vexo, van de dous euros ata os 50. ¿Quen lle pide os de 50?

-Ás veces, véñenme adestradores de fútbol e pídenme 50 euros de castañas para todo o equipo.

-[Achéganse dúas nenas vestidas de bruxas. Deliberan entre elas. Semella que non se atreven pero, ao final, unha di: «Truco ou trato? Danos unha castaña?»].

-Claro que si, rapazas. Tomade.

-Máis saudable que as chuches é.

-Pois si. Din que a castaña ten moita vitamina e que é boa para o colesterol.

-Pica vostede algunha?

-Non tiña costume pero, como teño o colesterol alto, agora estou sempre picando.

-Disque agora hai castaña todo o ano. Convéncelle isto de conxelala?

-Eu probei unha vez e non me gustou. Iso debe ser para os restaurantes e así.

-Cantos quilos pode vender nunha boa fin de semana?

-Se traballamos ben, uns 60.

-Moito hai que cortar aí...

-Pois facémolo unha a unha, polas mañás. Usamos un cúter.

-¿Unha a unha? ¿En serio?

-A ver, tamén temos unha máquina que failles o corte de catro en catro pero, para iso, ten que ser moi boa castaña.

-Este ano non é boa?

-Houbo moita seca. Hai sitios nos que non valen nada. E logo houbo o dos lumes. Nós, de momento, témola moi boa. Os clientes din que están ricas.

-De onde as traen?

-As nosas traémolas de Verín. Este ano parece que está saíndo bastante pequeniña e mala no Bierzo. Nós sempre miramos o produto antes, claro.

-Hai quen as prefire moi feitas?

-Si, si. Hai quen che di: «Déamas queimadiñas». E escóllollas.

-E se saen con bicho?

-A ver... Pode vir algunha con bicho se non a vimos. Pero eu prefiro darlla boa ao cliente que darlle de máis.

-Cada vez teñen máis competidores na rúa...

-Certo. Antes estabamos só os de Bonilla e nós; e agora temos as pizzerías, as hamburgueserías...

-E como o levan?

-Da para vivir, pero nada máis. Nós temos unha clientela moi boa, para que imos a chorar. Tamén levamos moito tempo. Somos de toda a vida. Para pagar os seguros e para vivir, da.

-Parece que necesitamos que faga frío para tomalas...

-Nós iso notámolo, eh... Cando fai frío, vendemos máis. A xente diche: «Déame unhas castañas para quentar as manciñas».

-É feliz?

-Que remedio. Xa non podería cambiar de vida. A miña intención e xubilarme facendo isto ata a hora do retiro.

«Se a cola de xente chega ata Kina Fernández xa me dou por satisfeita»

Pura Gómez axita a grella das castañas sen cesar, mentres, ó seu redor, saltan faíscas. Non para de vir xente a polo seu cucurucho.

-Isto é un non parar de vender!

-Hoxe porque é festivo e hai moita xente pola rúa. [A entrevista faise ao lado do carro o 1 de novembro ás sete da tarde].

-Cal é a hora punta?

-De seis e media a oito.

-Xa entendo. Como siga así, vaille chegar a cola ao Obelisco.

-[Risas]. Que va, muller! Se chega a Kina Fernández xa me dou por satisfeita [é o comercio que está xusto diante dela]. Non nos podemos queixar, pero xa non se traballa como antes.

-Con que bebida as tomamos?

-A xente maior, con leite. Outros din que con viño tinto. Unha señora díxome que non hai mellor cea que unhas castañas cun pouco de viño de Porto. O seu marido é médico.

-Haberá que facerlles caso!

-Haberá. Eu así nunca as probei.

-Pois déixoa seguir traballando.