A actriz Camila Bossa: «De ''Mareas Vivas'' quédame aínda moito»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Camila Bossa, en Santiago, ao pé da estatua de Lorca
Camila Bossa, en Santiago, ao pé da estatua de Lorca Sandra Alonso

A viva voz | Estará mañá en Vimianzo con «Testosterona», obra de teatro que coprotagoniza con Luís Iglesia. Dous grandes da interpretación galega nunha función, case, de estrea 

03 nov 2023 . Actualizado a las 19:45 h.

Rematou o FIOT en Carballo, pero aínda queda moito teatro para este outono na Costa da Morte. Continúa, por exemplo, a programación cultural na Casa da Cultura de Vimianzo. Mañá, ás 20.30, no auditorio, a compañía Malasombra subirá ao escenario Testosterona, obra que dirixe Xoque Carbajal e que interpretan dous coñecidísimos rostros do teatro e o audiovisual galego. Son Luís Iglesia e Camila Bossa (Bogotá, Colombia, 1973): falou ela en Radio Voz con Fran Rodríguez. «Este tempo que temos é moi bo para ir ao teatro», convidou a actriz.

—Chega a Vimianzo «Testosterona», case recén estreada.

—Pois si, estreámola o 26 de outubro en Oroso e agora estamos xa de xira. Levamos catro funcións, cunha acollida marabillosa. Tamén nós o pasamos moi ben enriba do escenario. No teatro a medida que vas sumando funcións mellor o pasas, o xogo é máis rico. Engráxase a linguaxe.

—Evoluciona a obra cada función?

—Si, sendo fieis dende logo á dirección e ao que se quere contar, pero o certo é que se enriquecen. Toda arte que se representa en directo enriquécese e retroaliméntase tamén do público. Diferentes públicos dan enerxías diferentes. Por iso é tan bonito o teatro: pasa esa vez e nunca máis.

—Sobre o contido: o director dun medio de comunicación ten que deixar o seu posto en mans dun dos seus subdirectores. Un é un home e, outro, unha muller. Con este enganche semella que a obra tocará a desigualdade de sexos.

—Absolutamente. A desigualdade, a maneira na que vemos o poder, como un home ou unha muller chegan a el, que está ben ou mal visto en cada un, que non adscribimos ao xénero feminino, tamén está a maternidade, a idade... Un montón de cousas que están aí nesa carreira cara un posto que non é un posto laboral X, senón un posto de responsabilidade, de dirección. Todo isto, contado nun ton no que a xente sorrí, sorpréndese... Diría que á unha obra moi amena.

—É a autora Sabina Berman quen firma este texto que, no empaque, como di, é comedia. Pero os temas non son de risa.

—Non o son, para nada, pero cóntanse dunha maneira na que hai moita retranca, unha dialéctica áxil... Fuxe da sensación de panfleto, non é bloque-bloque-bloque, senón que temos a dous personaxes coas súas personalidades, as súas dúbidas, as súas contradicións absolutas... Iso fai deles algo máis tanxible e crible.

—Non hai nin brancos nin negros, os dous terán moitas aristas.

—Moitísimas, e moitos cambios, que iso tamén pasa na vida. Ata ao final o público está pendente dun fío: parece que vai pasar algo e de repente pasa outra cousa. Non podo dicir máis: que veñan ao teatro!

Luis Iglesia e Camila Bossa, durante a función
Luis Iglesia e Camila Bossa, durante a función

—Foi un texto de descuberta?

—Diría que houbo nestes anos un avance de concienciación. Hai vinte este texto non sería o mesmo. Tamén o notas no público. Non é que fose un descubrimento, pero si que facendo a obra parabamos e comentabamos, porque hai cousas que, non é que non nos deamos conta, senón que están como asumidas no día a día. Aí hai que poñer o ollo. Ir ao teatro está ben, pero mellor aínda a ver unha obra que logo che supoña unha conversa, coa parella, cos amigos... Esta obra dá para falar.

—A cultura salvou días de pandemia, mais foi un sector que se viu resentido. Recupérase?

—Para min a pandemia foi un parón. Houbo compañías de longo percorrido que baixaron a persiana, foi duro. Nesta profesión nosa, xa sen pandemia, hai que facer un traballo de resistencia e resiliencia. É un traballo cheo de factores alleos a ti. O xuízo externo tamén está sempre aí. A pandemia trouxo pouco traballo e precarización. Agora? Agora que estamos con isto de todo telemático, modo Netflix, penso que hai moita xente que quere vivir cousas en directo, sentir o que pasa, esa exclusividade de que a obra sexa hoxe, aquí e agora, sen posibilidade de rebobinar. En Madrid é impresionante, os teatros están cheos. Pediría, coma sempre, iso si, máis apoio para a cultura, ter unha rede de auditorios mellor equipados, educar ao público en que o teatro hai que valoralo... A cultura ten un prezo, é un traballo de moita, moita xente.

Ano 99. Camila Bossa era Belinda en Mareas Vivas
Ano 99. Camila Bossa era Belinda en Mareas Vivas

—Imposible falar con Camila sen evocar a inesquecible serie «Mareas Vivas». Camila era Belinda, ou tamén Lindiña. Que lle quedou dese personaxe e aquela ficción?

—Hoxe en día, case despois de 25 anos, quédame moito. O outro día fun a un restaurante, deixara o meu nome, Camila, para unha reserva, e a encargada díxome ao chegar: «Xa estaba esperando que foses ti!». Quédame moito cariño, a experiencia máis grande na miña vida profesional primeira. Foi o meu gran espaldarazo. Era para moitos descoñecida, eu era unha novata e tiven a sorte de estar rodeada de xente que xa tiña carreiras teatrais e tamén incipientes audiovisuais... Como máis se aprende é mirando, e é certo, eu estaba rodeada de auténticas bestias da interpretación.

—Deixoulle marca a Costa da Morte. Volve a ela a miúdo?

—Pois mira, esa anécdota que conto foi por esa zona. Non é que sexa continuo, pero si volvo. Temos unha sorte en Galicia...! Vivimos nunha terra preciosa, con diversidade, cunha costa impresionante. Chego alí e digo... Miña nai! Vén un amigo teu de fóra, lévalo á Costa da Morte e queda abraiado.