Adeus ás Festiletras: «Conseguimos crear unha familia cultural, e iso é o mellor»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Os tres días de celebración no Couto conclúen con expectativas superadas e sen perder a esencia dun «festival cómodo» que «asalta» toda unha aldea

05 sep 2023 . Actualizado a las 18:51 h.

Durante tres días, e incluso xa antes polos preparativos, as Festiletras «asaltaron» a aldea pontecesá do Couto e encheron de festa cada recuncho: iras, rúas e cabanotes que o resto do ano teñen unha calma banda sonora rural. Así irá volvendo ser dende hoxe, logo de que concluíse onte este festival que, como resalta Adrián Varela dende a organización, os veciños acollen cunha enorme «paciencia» que el quere agradecer e, non só iso, senón con implicación. Ceden espazos e abren as súas portas, tanto así que unha das casas ofrecía onte froita de balde, a libre dispoñer.

Xabier Díaz, con algúns dos amigos que subiu ao escenario
Xabier Díaz, con algúns dos amigos que subiu ao escenario BASILIO BELLO

«Superamos expectativas», contaba Varela cando aínda quedaban por actuar Mallou cos seus cantares da terra e Xabier Díaz. Este último gardou en segredo ata última hora algúns dos amigos artísticos cos que chegaba para dar por rematada unha edición que, en aforo, «resultou mellor ca nunca». Isto, tendo en conta que o que procuran é unha «estabilidade», indica a organización: «Somos unha aldea, non queremos ser unha cidade, nin queremos un macrofestival. Por grandes artistas que veñan o aforo non mudará, pelexamos por un festival cómodo, no que se poida pedir unha consumición sen problemas, no que se estea case coma na casa, e penso que coa distribución de espazos que fixemos, tamén o gastronómico, con producto de cercanía, o estamos conseguindo», reflexiona Varela. «Logramos crear unha familia, unha familia cultural, e iso é o mellor de todo. Temos xente habitual, que agora xa vén cos seus fillos. Diría que a mellor valoración vén polo bo rollo, co público disfrutando das actividades, da artesanía, da aldea e da zona, van á praia e volven... Fixemos incluso unha familia artística, porque artistas que este ano non actuaban estaban entre o público vendo cousas que igual non poden ver así noutro lado», engadía.

Catuxa Salom, nas Festiletras
Catuxa Salom, nas Festiletras BASILIO BELLO

Iso non quita que a satisfacción veña tamén polo «grande nivel musical» deste ano, abríndose a talento internacional chegado de Portugal ou Angola e a artistas coma Rozalén, para quen só teñen agradecemento polo trato. O electrofolk de Catuxa Salom levantou ao público o sábado, noite que coroaría Throes+The Shine, con arranque agroheavy a cargo de Moura, e máis noite movida con Familia Caamagno e Eskorzo.

«O Couto está cheo», agradecía Varela a resposta e, en contrapartida, o civismo. «O vaso ecolóxico é un acerto. Non se pode tirar lixo en ningún lado, pero aquí menos»: avisaban disto con curiosos indicadores, sachos. «Irémonos asombrados, do lugar, da xente, da participación», refrendaba Sofía Agrafojo, coordinadora do Mercado da Deputación, novidade este ano. «Non é só cuestión de vendas, é tamén recollida de encargas, promoción, entrega de tarxetas», reflexionaba onte. Fican «contentos» e asegura que na idea está volver seguro o ano que vén. Tiveron choiva o venres, vento o sábado e calor o domingo, ningunha dificultade para que haxa valoracións tan boas coma a de Francisco Porto, da cerería artesá betanceira Rocigarcia: «A nosa aceptación foi moi boa, estamos nunha aldea dunha parroquia, vendo as eiras con música tradicional e contemporánea, no entorno de Pondal... No noso caso afianzamos zona. Logo de dous anos na Carballeira de Zas, aquí viñeron clientes que xa nos coñecían. Puidemos mesmo coincidir con Brais Morán, así que mellor aínda, as Festiletras tiveron compoñente emocional».

Teté Teatro
Teté Teatro BASILIO BELLO

Os Viqueiras de Ordes, Teté Teatro, Os Farrapos, Tandub, Lamatumbá, Berlai e Mozos de Donaire contribuíron este domingo a facer do Couto punto de encontro, tamén de distintas xeracións. Nenos, adultos e maiores tomaron a Eira de Pontedona para ver como isto se elevaba á maxima expresión con Mallou e Xabier Díaz no escenario. Houbo cameo entre eles con O baile de Noró. «Teño moitos amigos aquí, así que sodes vós os que tedes que cantar hoxe», convidou Díaz ao pouco de iniciar a súa quenda, pasadas as sete e media.

Ao escenario irían subindo Pedro Pascual, Margarida Mariño, Roberto Grandal, Iván Costa, Carmen Ferreiro —pequena á que coñeceu na Tarde-Noite no Medievo de Riobó e á que cualificou de «unha das grandes promesas da música tradicional do noso país»—, pandereteiras de Raigañas e Cerqueda ou Teresa dos Cucos, da que dixo que, se o Celta contrataba a C. Tangana, o Dépor ben a podía fichar a ela. Que de bailes houbo!

BASILIO BELLO

Una de las obras de Isaac Cordal, en un hórreo
Una de las obras de Isaac Cordal, en un hórreo BASILIO BELLO

Muta O Couto

Nove Noel, que deixou a súa impronta nun mural alusivo á fonte, e Isaac Cordal, coas súas pequenas figuras espalladas pola aldea, foron este ano os participantes na sección artística Muta O Couto.