Iago Toba: «Entrei en política para dalo todo, outros para poñer paus nas rodas»

MUXÍA

BASILIO BELLO

«Tras gañar as eleccións empecei a ver por parte dalgúns que fallaba a lealdade», explica o alcale de Muxía 

02 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Iago Toba Campaña (1987, Muxía) é arquitecto técnico. Despois de acadar en xuño do pasado ano a alcaldía de Muxía cunha folgada maioría, viuse de súpeto cun goberno con tres concelleiros, trala marcha de catro socialistas ao grupo dos non adscritos.

-Como se atopa?

-Moi ben, ilusionado, con forza, con sensación de tranquilidade, porque a pesar de gobernar en minoría, con Javier Romar e Olalla Benlloch, vexo que somos capaces de levar a cabo adiante o noso proxecto. E o máis importante, hai unha corrente de opinión, de toda cor política, moi positiva en Muxía a favor deste goberno, agora en minoría. Mire o que lle digo, agora sendo tres síntome con máis forzas porque sei que estes dous compañeiros estarán aí. Demostrárono cando os outros catro decidiron marchar. O máis fácil para eles sería marchar pola presión sufrida, porque os outros eran catro, porque presionaron ao partido pedindo a miña cabeza, e aínda así quedaron ao meu lado. Iso é de agradecer.

-Síntese traizoado?

-Evidentemente, pero non só eu. Creo que traizoaron a un pobo que confiaron en nós hai un ano para levar a cabo un proxecto de futuro. Hai xente que en lugar de estar pendente de todos os veciños só o están dalgúns.

-Esperaba esta ruptura tan abrupta?

-Si, xa hai meses que o esperaba. Nunca o esperei antes das eleccións, pero despois de gañar foi cando vin que non había lealdade, nin unanimidade de criterios, non había un traballo en común. Entrei en política para dalo todo, mentres outros optaron por poñer paus nas rodas, e o peor é que eran do meu mesmo equipo.

-Os díscolos acúsano de actuar como un rapaz consentido.

-Iso é falso. Escoito a todo o mundo, respecto todas as opinións, pero vivín en primeira persoa situacións e circunstancias de como me estaban a poñer obstáculos e non axudando e remar na mesma dirección.

-A que achaca esa actitude?

-Creo que despois de gañar as eleccións, e ao tratarse dunha persoa nova na política, pensaban que sería manipulable, un monicreque, pero resulta que non, que eu escoito moito, pero teño criterio propio e teño que tomar certas decisións, o que eu considero que é o mellor para Muxía. E iso parece que molestou.

-Que lle parece o que dixo de vostede o secretario provincial do PSOE, José Manuel Lage Tuñas?

-Só teño palabras de agradecemento polo apoio recibido. Para o partido sería moi fácil posicionarse do lado, en teoría, máis forte, pero apostaron por min, ¡Por un recen chegado á política! Pero non só recibín o apoio de Lage Tuñas, tamén de Valentín [González Formoso, o presidente do PSOE provincial], Mar Barcón...

-Teme unha parálise institucional en Muxía?

-Xa o dixen o venres. Se queren facer unha moción de censura, que a fagan, pero os que quedamos somos ceibes e tomaremos as decisións que consideremos que son as mellores para Muxía.

«Non vou dimitir, síntome moi apoiado polo pobo»

O alcalde di ter unha sensación de alivio ao concretarse a marcha dos catro edís.

-É dicir, sabe a quen ten e a quen non ten.

-Estou tranquilo porque sei quen está ao meu lado é quen non. Antes tiña que disimular a quen tiña, cando a realidade é que se dedicaban a poñer paus nas rodas. Vivín cousas que non me gustaban, pero por manter a calma e o grupo unido aguantaba... Ata que rebentei. Ao final, a política é cousa de valentes

-Séntese libre?

-Parécelle lóxico que hai un mes aproben un orzamento moi importante para Muxía e un mes despois aproben unha alegación do PP a ese mesmo orzamento!

-Teme unha moción de censura?

-Non vou dimitir, síntome apoiado polo pobo. Pero invitei a que a fagan xa, porque non poden paralizar Muxía nos tres anos que restan de mandato. E resulta que no pleno do venres só apareceu un [Mónica Vilela] dos díscolos. Os outros tres xa non foron, deixárona soa. Creo que non haberá moción de censura.