Se busca baile e música tradicional, anote tres citas: Cerqueda, A Laracha e Cee 

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

A Foliada impulsada por Raigañas, o 27 de abril, renderá este ano homenaxe aos regueifeiros e regueifeiras

09 abr 2024 . Actualizado a las 20:11 h.

Sábado 27 de abril, domingo 28 de abril e mércores 1 de maio • Traerán as vindeiras datas alomenos tres citas coa música e o baile tradicional á Costa da Morte, nas localidades de Cerqueda (Malpica), A Laracha e Cee.

Por data cronolóxica, a primeira proposta chegará precisamente dende Cerqueda, o sábado 27 de abril. Alí celebrarase a 16.ª edición da Foliada e a 10.ª da Foliadiña impulsadas pola asociación cultural Raigañas, no entorno lo local social de As Pozacas. A foliada deste ano, informaron dende a entidade, estará dedicada ás regueifeiras e regueifeiros da parroquia de Cerqueda. Era ben coñecido Celestino de Leduzo, pero afondando nas pesquias descubriron máis nomes de improvisadores, caso de Carmela do Ghoriño e a súa filla Lola, de Florinda da Tera, de Manuel dos Cotelos de Tarai ou do seu fillo Faustino. Transcorrerá o encontro baixo carpa, ambientada e decorada para a ocasión, desta volta cunha temática vinculada aos sobrados das casas de antes, onde se ten feito regueifa. Esa imaxe dun sobrado levouse tamén ao cartel deste ano, imaxe de Raquel Uxía.

A actividade en Cerqueda botará a andar ás 13.00 horas cunha sesión vermú amenizada polos grupos de Raigañas e por Pan Sen Fron. Haberá opción de comer alí e quedar á regueifa da tarde, con Lupe Blanco e Suso de Xornes, un tempo no que os máis pequenos tamén terán obradoiros. Comezará á Foliadiña ás 18.30, cunha ducia de grupos inscritos, e a iso das 20.00 botará a andar a foliada, neste caso con 27 grupos confirmados. Alongarán a festa ata, previsiblemente, as 02.30. Ademais de Malpica, chegarán estas formacións de Camariñas, Ponteceso, Vimianzo, Caión, Muros, Santiago, Carballo, Lires, Fisterra, Dumbría, A Agualada, Laxe, A Coruña, Cabana ou Zas. Poden darse incorporacións de última hora. Será noite de música e baile, con oco ademais para sorteos.

BASILIO BELLO

Un día despois da Foliada de Cerqueda, por tanto o domingo 28 de abril, celebrará a asociación cultural Santa María de Torás de A Laracha o seu segundo Día da Muiñeira. Será ás 17.30 horas, na praza Les Sables d’Olonne, con pregón a cargo da regueifeira Lupe Blanco. Fin de semana completo para a regueifeira, pois. A maiores de todos os grupos que se anoten —inscricións ata o 14 de abril, vía formulario web—, actuará o grupo de pandereteiras Do Rivés.

BASILIO BELLO

Ben máis antigo é, por último, o Día da Muiñeira de Cee, previsto, na súa tradicional data, para o mércores 1 de maio: Praza 8 de marzo, 17.30 horas. Van pola 36.ª edición e promove a asociación cultural Terra de Sena. Neste caso o prazo de inscrición para grupos estará aberto ata o 28 de abril: terradesenacee@gmail.com. Este ano, a muiñeira conxunta a bailar ao inicio será Na fonte do Teucro. Logo será tempo de concurso.