«A conexión entre os actores e a audiencia galega é moi real, de pel»

claudia taboada / x. a. CARBALLO / LA VOZ

LAXE

Ana García

ENTREVISTA | A actriz Eva Fernández volve rodar en Laxe, e dende alí conversou sobre traxectoria e futuro

02 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Con experiencia nas series máis entrañables da TVG, Eva Fernandez é unha das actrices máis recoñecidas da escena audiovisual galega. Nacida e criada en Ourense, a súa carreira comezou no teatro, ata que pouco a pouco foi introducíndose no mundo do cine e das series. Nesa traxectoria, a Costa da Morte ocupa un lugar especial, e ademais é boa coñecedora dela: sabe do Cemiterio dos Ingleses, sabe da cascada do Ézaro, gaba a fermosura da casa de Eduardo Pondal e coincide na importancia de coidar Dombate. Tamén adora os percebes do Roncudo, en Corme: «Como pipas, encántame! Recordo que Maruja, a que levaba o restaurante O Pino, en Laxe, dábamos. Nunca mos cobraba, e decíame: «‘Lévaos, para a fin de semana’». Fernández, rostro de Mareas Vivas, volveu recentemente a Laxe.

—A nova serie na que está traballando, Los Argonautas, estase gravado en Laxe, un lugar que xa coñecía por traballar en Mareas Vivas. Como é volver?

—Mantén a súa esencia. Rencontrarse coa xente que deixamos é como volver á casa. Aínda o outro día me encontrei cunha das mulleres que levaba o restaurante O Pino e emocionámosnos as dúas.

—Traballou en series que xa forman parte do imaxinario colectivo galego, como Padre Casares, Pratos Combinados, As Leis de Celavella...

—Unha das series que máis disfrutei de toda a miña vida foi esa mesma, As Leis de Celavella. Sempre estiven moi a gusto traballando na TVG, sinto como se fose a miña casa.

—Como foi participar neses momentos tan recordados da historia da televisión galega?

—En verdade son moi consciente da dimensión dun traballo cando o fago. Penso en facelo coa maior honestidade posible, divertirme, e darlle á xente o que creo que merece: o mellor. O outro día nas rebaixas, de feito, tiven unha interacción moi bonita. Unha señora chamoume por Matilde, o nome do meu personaxe en As Leis de Celavella, e eu respondinlle. Ao final emocioneime porque empezamos a falar e díxome «Entraches en todos os nosos corazóns» e, claro, eu non dou nada por feito. A xente é o mellor do traballo.

—Ao ser proxectos feitos en galego, tamén é algo que fai esa conexión entre os actores e a audiencia sexa máis especial.

—Efectivamente. É unha conexión moi real, moi de pel. Probablemente teña moitísimo que ver co idioma e coa esencia dos galegos, do que somos. É como cando te encontras con outro galego polo mundo, parece que o coñezas de toda a vida.

Eva, durante a rodaxe de Argonautas en Laxe
Eva, durante a rodaxe de Argonautas en Laxe Ana García

—Ao longo da súa traxectoria representou papeis moi diferentes. Para vostede, cal foi o máis difícil?

—Todos teñen o seu aquel, porque é poñerse na pel doutra persoa, das boas e das malas. Cos personaxes que teñen máis altibaixos tes que armarte un pouco máis, como, por exemplo, nun dos últimos proxectos que fixen, Rapa. Pero igualmente tes que empatizar con eles. Penso que iso tamén che dá tolerancia, podes chegar a entender ao máis «rastreiro».

—Supoño que tamén son os que dan máis xogo.

—É moi divertido.

—Ademais de actuar, tamén para Auga Sega participou como directora de casting. Gustaríalle probar roles como este que estean por detrás das cámaras nun futuro?

—Desta vez foi unha situación específica. Eu non contemplo moito esta opción, sei que hai xa moitas directoras de casting, como Conchi Iglesias, que teñen moito talento e fan moi ben o seu traballo. Quero centrarme en actuar, pero se xurde non me opoñería.

Ana García

—Falando do futuro, é importante mencionar que o audiovisual galego está collendo unha nova marcha. Vostede mesma estivo en series que teñen unha gran repercusión, rompendo fronteiras: Fariña, Rapa, Auga Seca… Sente que se está a dar un cambio?

—Si, xa empezou hai anos. Porque agora os galegos estamos apostando por Galicia e polo talento galego. Non só con actores, senón tamén na parte técnica, artística… É importante porque así tamén aposta outra xente de fóra, como produtoras e plataformas.

—Tendo isto en conta, como espera vostede que sexa o futuro neste ámbito?

—Espero que sigamos camiñando todos neste sentido. Desexo que sexa un audiovisual galego unido, que o ben para un sexa ben para todos. Así tamén podemos mostrar a nosa cultura e os nosos lugares. Canto máis coñezamos, mellores persoas seremos.