Lea aquí os 5 contos de secundaria premiados no certame Territorio Vákner

La Voz CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

MON OUTEDA

La Voz de Galicia e Concello de Dumbría entregaron os galardóns en O Conco

01 oct 2023 . Actualizado a las 00:28 h.

La Voz de Carballo e Concello de Dumbría entregaron en O Conco os galardóns correspondentes aos certames literarios Territorio Vákner, dirixidos tanto a ámbito escolar como a adultos. A continuación, os cinco contos que maior puntuación acadaron por parte do xurado na categoría de educación secundaria

1. PRIMEIRO PREMIO SECUNDARIA. As aparencias enganan, de Inés Liaño Carvalho (colexio Manuela Rial Mouzo de Cee)

Moitos falan da lenda, pero poucos saben o que realmente é. Aquela mañá, todos os medios de comunicación saíron ás rúas de Santiago para preguntarme sobre a miña experiencia con aquel ser. Todos preocupados e á vez entusiasmados, non podían crer que estivera con aquel monstro. O día antes eu estaba rematando a última etapa do Camiño, xa estaba anoitecendo e xusto pasaba por un lugar afastado cando de súpeto apareceu aquel lobishome que saía ás veces cando había lúa chea. Estaba asustada, pero cando ollei para el, decateime de que parecía triste e avergoñado, polo que non me resistín a preguntarlle o porqué daquela cara. Cando me contestou non sabía como reaccionar, o que me acababa de dicir non podía ser certo. Como era posible que o Vákner fose vexetariano?

Non puiden evitar rir para quitarlle importancia ao asunto, en realidade non era para tanto, pensei. Aínda con intriga continuei preguntando un pouco máis sobre o que me acababa de confesar e entón foi cando comprendín a súa preocupación. A súa familia non o aceptaba simplemente por ser vexetariano, ríanse e non contaban con el para nada. Sempre fora moi empático e converteuse en vexetariano porque non era do seu agrado matar a outros seres vivos e comelos. Deume tanta pena que lle asegurei que sempre que puidera levaríalle comida para saciar a fame e estar alegre. A día de hoxe non sei nada del, o único que podo asegurar é que despois daquela experiencia, o Vákner nunca volveu a ser o mesmo.

2. SEGUNDO PREMIO SECUNDARIA. Un día de excursión, de Pablo Casais Lado (colexio Manuela Rial de Cee) 

Eran as nove da mañá dun mércores e todos estabamos listos coas nosas mochilas ao lombo para coller o autobús da excursión, rumbo a Dumbría. A primeira parada era para ver a grande estatua do Vákner. Alí fariamos as típicas fotos para as redes sociais. Tiña ganas de vela, porque seica era enorme. Ao chegar ao lugar e baixar do bus non tivemos que andar moito para divisar a un lobishome de pelo longo e bastante feo. Metía medo! Nese lugar di a lenda que foi onde o viu un peregrino hai moitos séculos... A ver se temos sorte e o vemos nós durante o noso paseo! Porque despois de botarlle una ollada ao Vákner, o seguinte era facer unha boa camiñada ata a Fervenza do Ézaro. Eu creo que non imos chegar, ou polo menos non todos... A ver que pasa.

Despois de camiñar durante un bo anaco, o mestre mandou parar para descansar un cachiño e de paso comer algo. Estabamos todos esgotados. Cando estaban as forzas repostas, seguimos o noso camiño. Non sei canto tempo pasou, pero de súpeto o ceo empezou a quedar negro e ao mesmo tempo empezar a caer as primeiras pingas. Estabamos no medio do monte. A choiva foi a máis e o ceo púxose negrísimo, parecía noite! Seguimos o camiño como puidemos, empapados e cansados. Como se fose un milagre, atopamos unha pequena cova. Case non cabiamos todos onde chegaba a claridade pero, polo menos, podiamos esperar a que a choiva parara.

ANA GARCIA

Houbo un momento no que tiña moitas ganas de mexar e non ía ir fóra outra vez, así que entrei na escuridade da cova. Cando estaba acabando sentín algo raro. Dei a volta e vin dous ollos amarelos no medio da escuridade, mirándome fixamente. Nese momento quedei petrificado, non sabía que facer. Acercouse lentamente a min, de tal forma que me botou o seu alento fedorento na cara. Era o mesmísimo Vákner! Case me desmaio. Non sei canto estivemos así, pero pareceume unha eternidade...

De repente tiven unha idea, a mellor da miña vida. Moi lentamente metín a man no meu peto e saquei unha galleta envolta nun papel que me sobrara do almorzo. Aquel bicho peludo mirou para o que eu lle ofrecía e dubidou uns segundos. Cando eu menos o esperaba, dunha poutada arrebatoume a galleta e foi aloxándose lentamente ata que o perdín totalmente de vista. Botei a correr cara a entrada da cova, onde seguía o meu grupo. De feito, xa estaban a saír porque escampara.

—A ver, Pablo! Case mandamos unha expedición a buscarte! Deitácheste a durmir?

—E que eu...

Dubidei. Como non ía dubidar? Quen o ía crer? Íanse rir de min ata o curso que vén!

—Estás ben? Estás pálido... e suorento!, díxome o mestre

—Ehh... si, si, estou ben. Só tiña moito que mexar!

Menos mal que penso rápido! Collín a mochila, saín por patas daquela cova e non mirei atrás!

3. TERCEIRO PREMIO SECUNDARIA. A visita, de Gaizka Lago Elorza (colexio Manuela Rial de Cee)

Cando o bispo Mártiros recibiu a carta do Conde, que o invitaba a visitalo e a pasar uns días no pazo de Altamira, por fin decidiu facer o Camiño de Santiago. Podería cumprir o seu soño de coñecer Fisterra. Días despois, chegaba a Corcubión esgotado e moi ilusionado por poder ver ao seu amigo Rodrigo de Moscoso. Aquela noite cearon xuntos recordando tempos pasados, e don Rodrigo pediulle facer a última parte do Camiño xuntos, non sen antes visitar o grande Olimpo Celta do Monte Pindo. Emprenderon a súa viaxe ás 06.40 da mañá, a cabalo e con comida suficiente para poder pasar catro días.

Xa case era noite pechada cando chegaron ao Pindo, e o conde propuxo durmir no pobo para emprender a subida ata a Moa ao día seguinte. Mártiros convenceuno para continuar un pouco máis, ata que tiveran que deixar os cabalos para continuar a pé, e alí durmirían.

Con cara de esgotamento, don Rodrigo comentou que non tiña fame. Facía frío e podía sentir o orballo daquela noite de inverno na que as nubes negras non deixaban ver a lúa. Só quería descansar unhas horas para poder afrontar o día seguinte coa forza necesaria. O bispo non podía durmir. De súpeto, escoitou un ouveo moi forte, como se unha manada de lobos estivese ao seu lado, e un berro seco e profundo dun home. Abriu os ollos e alí estaba, unha besta enorme, mirándoo fixamente, cos cairos cheos de sangue. O mesmo sangue que inundaba a cara desfigurada do seu amigo, que aínda respiraba.

O conde, incapaz de reaccionar ante a situación, só puido ver a aquel monstro xigante, mestura de lobo, xabaril e humano, desaparecer entre a néboa co bispo na boca. Conta a lenda que dende aquel día don Rodrigo de Moscoso espertaba moitas noites asustado e suando. Miraba pola fiestra e distinguía a silueta do Vákner na Moa, e escoitaba aquel ouveo profundo e aterrador.

PILAR CANICOBA

4. CUARTO PREMIO SECUNDARIA. Soño ou premonición, de Iván Lago Vigo (colexio Manuela Rial de Cee)

Espertei con desacougo na escuridade da noite, no medio do monte, nas enigmáticas terras de Dumbría. Non era unha noite calquera de primavera, era unha noite de lúa chea cun poderoso atractivo, noite de morcegos e vagalumes, noite de lobishome. O misterio rodeaba toda aquela espesura dos bosques de Dumbría. A luz da lúa alumeaba os montes coma se fose de día. Eran pasadas as doce da noite. Acababa de soar o reloxo da igrexa de San Pedro de Buxantes. Parecérame escoitar trece badaladas, pero agora caín na conta do que sucedía. Un ruxido profundo, un ouveo forte escoitouse no medio do monte. Un perigo que asexaba estaba invadindo aqueles dominios onde se impoñían as leis da natureza. El estaba alí, observando moi preto, pero onde?

Quen ousaba entrar nos seus dominios? Era eu, un humilde peregrino que percorría o Camiño cara Fisterra tras recibir a bendición do Apóstolo Santiago. Seguín a miña viaxe, atopábame no Marco do Couto. De súpeto, tiña diante de min un monstro grande e peludo cos cairos afiados e unhas enormes gadoupas, de pé, apoiado nas súas patas traseiras. O meu corpo tremía de medo, pechei os ollos e pedinlle con toda a miña devoción á Virxenciña que me protexera daquela besta salvaxe, perigosa e temible.

Cando abrín os ollos xa non estaba. Fora un encontro fugaz, pero daba arrepíos só de pensalo. Que significaba aquilo? Era un soño ou unha premonición? Tal vez unha ollada ao futuro da chegada doutros peregrinos? Ou é que todos levamos un Vákner dentro de nós? Nunca esquecerei aquela noite, a noite que espertei coa figura lexendaria e misteriosa dun... Vákner.

5. QUINTO PREMIO SECUNDARIA. Non te librarás, de Clara Plata Míguez (IEs Xulián Magariños de Negreira) 

Logo da miña volta, pasei unha semana deitada na cama, intentando comprender o que sucedera ese día e que era ese humanoide. Investiguei, e descubrín que se trataba do Vákner.

Hoxe non sei se me ides crer ou non, pero isto téñoo que contar. Cando me tocou a min facer o tramo do Camiño, non fun pola senda normal, xa que había moita xente, así que fun polo monte. Notaba como se alguén ou algo estivera axexándome... Logo de mirar repetidas veces, dei por feito que era cousa miña, que non pasaba nada. Cando ía polo medio do monte, tomei a decisión de acampar nese lugar e pasar a noite aí. Serían arredor das tres da mañá cando comecei a escoitar paus e follas rompendo. Abrín os ollos, pero non vin nada, mais pareceume raro que non houbera ningún animal, así que tentei forzar algo a vista. Alí estaba, cando me decatei tíñao enfronte a min, un animal que andaba tanto ergueito como a catro patas, uns dentes afiados, unha pelaxe como de lobo e uns ollos vermellos coma o sangue. Quedei petrificada, non me podía mover. Comezoume a cheirar e cunha garra fíxome un corte na caluga, arrimouse e díxome:

—Nunca te vas librar de min, non volvas por aquí.

Deume un calafrío cando escoitei esas palabras, e cando me quixen dar de conta, marchou correndo. En canto o perdín de vista, fuxín. Durmín na beira da estrada, e ao día seguinte seguín andando e cheguei a Fisterra. Onte, na cama, vin pola miña fiestra dúas esferas vermellas e puiden escoitar un leve murmurio que me dicía:

—Díxenche que non te librarías.