Alcaián, a lagoa mítica de Coristanco

Xan X. Fernández Carrera

CORISTANCO

<span lang= es-es >A</span>
A

Restituír parte dese interesante patrimonio perdido e devolverlle o prestixio a este espazo natural coristanqués, tan maltratado nos últimos ano

26 abr 2024 . Actualizado a las 17:13 h.

Cando pronunciamos o nome de lagoa de Alcaián vennos á memoria a coñecida lenda que a poboación dos núcleos máis próximos conservou ata a actualidade. Recordo que cando recollemos as lendas do concello de Coristanco polos anos oitenta do pasado século, o alumnado de Abelenda, Mira, Salgueiras e o Campelo coñecía este relato fantástico. Sen lugar a dúbidas, esta era a lenda máis coñecida e popular de todo o municipio, o que mostraba a enorme influencia que este elemento natural exerceu na poboación da contorna.

Se retrocedemos no tempo comprobamos a importancia que tivo esta lagoa, pois o seu nome aparece no mapa de Domingo Fontán (1845) con letra destacada, a única que se cita en todo o territorio da Costa da Morte. Tamén resalta nos antigos mapas do exército e no topográfico nacional de España 1:25.000, sempre baixo a denominación de lagoa de Alcaián, un topónimo xa documentado no século XIII. Carré Aldao fai referencia a este espazo natural e apórtanos datos das súas dimensións: 1700 m de longo por 850 m de ancho, na súa maior amplitude.

O nome de Braña Rubia, a outra denominación asociada a este humidal, é posterior. Otero Pedrayo na súa Xeografía, utiliza este termo para referise tanto á parte brañenta como á lagoa. Nos mapas máis actuais do Instituto Xeográfico Nacional, represéntanse os dous topónimos: lagoa de Alcaián, para a zona hídrica e Braña Rubia para a parte que circunda á anterior. Desde os anos corenta do pasado século todo o conxunto se converteu nun extenso brañal, ao desecar a lagoa para aproveitar a explotación mineira de titanio e rutilo. Foi a partir de aí cando se produciu a maior alteración deste medio natural lacustre que acollía unha extraordinaria riqueza de fauna e flora.

A importancia desta paraxe non só se debía á súa riqueza natural reflectida na diversidade de especies de fauna e flora que habitaban na propia lagoa e na súa contorna, senón tamén aos restos históricos atopados e á conservación dun patrimonio inmaterial creado polos habitantes das aldeas de arredor.

Uno de los canales de la laguna de Alcaián
Uno de los canales de la laguna de Alcaián HABITAT

Os valores naturais deste espazo están vinculados á presenza de especies que só existen en ecosistemas que reúnen unhas condicións ambientais moi determinadas como estas zonas lacustres. Alí tiñan o seu medio plantas tan singulares como as carnívoras drosera intermedia ou rotundifolia, que se nutren de insectos ou a coñecida centaurea ultreiae, unha especie única que tan só medra nos solos ultrabásicos que hai arredor do monte Castelo, nos límites dos concellos de Coristanco, Carballo, Tordoia e Santa Comba, pero tamén albergaba unha gran variedade de plantas arbustivas e arbóreas.

Polo que respecta á fauna, a lagoa atraía cantidade de aves que tiñan aquí o seu medio de vida, mentres que na actualidade tan só se ven algúns patos no denominado pozo dos parrulos. Tamén desapareceron moitas especies de paxaros polo deterioro que sufriu este entorno, que conduciu ao empobrecemento da diversidade natural que anteriormente había.

A importancia histórica da lagoa de Alcaián apórtanlla os restos atopados no lugar de Porto Rubio: varios útiles líticos do paleolítico inferior, entre eles un bifaz de cuarzo, rocha tallada polas dúas caras con diversas funcións e catro puntas de lanza de bronce, en bo estado de conservación, do período do bronce final, de hai un tres mil anos, que se conservan actualmente no museo arqueolóxico e histórico do castelo de Santo Antón da Coruña.

Polo que respecta ao patrimonio inmaterial, consérvase a lenda da cidade asolagada de Alcaián, que se mantivo viva ata os nosos días. Un relato fantástico propio de lagos e lagoas, cunha estrutura de elementos comúns. Uns cristiáns e outros pagáns. Os primeiros representados por personaxes relixiosos, no caso desta lagoa por Xesús e San Pedro, que se presentan na cidade disfrazados de esmoleiros e polas campás da igrexa. Os segundos por animais, en concreto polos cans que ladran e o galos que cantan en Noiteboa. Esta lenda da cidade mítica de Alcaián conserva moi ben a súa estrutura, da que existen versións diferentes, como adoita suceder neste tipo de relatos orais.

A noticia que se deu a coñecer estes días de que o concello de Coristanco quere recuperar o espazo que ocupaba a lagoa de Alcaián e o seu entorno, haina que valorar de xeito moi positivo, posto que a maioría das novas que nos chegan a diario refírense ao estrago dalgún ben patrimonial.

Restituír parte dese interesante patrimonio perdido e devolverlle o prestixio a este espazo natural coristanqués, tan maltratado nos últimos anos, chegando a convertelo nun vertedoiro incontrolado de lixo, representa unha mensaxe positiva para a veciñanza de Coristanco e da comarca, que poderá dispoñer dunha interesante área natural que lle ofrecerá a oportunidade de coñecer parte da particular fauna e flora que aínda conserva; dos restos históricos vencellados a ela e dun recurso didáctico para os centros educativos do entorno.

Este tipo da actuacións, como a que se pretende realizar na lagoa de Alcaián, contribúen a valorar a importancia que desempeñan espazos naturais como os bosques autóctonos, ríos ou lagoas, para preservar a diversidade de especies, cada vez máis ameazada polas intervencións irresponsables do ser humano, que comete a torpeza de non decatarse de que o seu futuro está necesariamente vinculado á supervivencia dos demais seres vivos do Planeta.