O monumental reloxo de Cee que marcou as horas durante 138 anos

DARÍO AREAS [MUSEO FERNANDO BLANCO]

CEE

Crónicas do pasado, por Darío Areas | Este dispositivo e as súas campás marcaron a disciplina de traballo no centro e a vida e actividades laborais da veciñanza

02 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Así como se sinte un ao colocar a guinda nun pastel deberon sentirse os operarios da madrileña casa de reloxería de Mariano Hoefler Echeverría ao rematar a instalación do monumental reloxo na torre central do Instituto Fernando Blanco de Cee. Encargado no ano 1885, e colocado un ano máis tarde, «chegou a tempo» para dar a benvida, o 2 de outubro de 1886, ao curso inaugural do centenario instituto ceense. Os Hoefler eran unha familia de reloxeiros orixinarios da localidade de Lenzkirch, no distrito de Brisgovia-Alta Selva Negra, estado de Baden-Württemberg (Alemania), que se trasladaron a Madrid e estableceron a súa empresa na rúa Tudescos n.º 25 no ano 1778, sendo, nese momento, a única firma autorizada en España para a venta de reloxos de torre. Mariano Hoefler Echeverría, nacido no 1842, continuou coa tradición familiar no sector da reloxería.

Aínda que na sede da entidade había maquinaria para fabricar aparellos de reloxería, por sentido práctico acabarían mercando pezas, ou conxuntos completos, que despois montaban e adaptaban a cada lugar de emprazamento. Fundamentalmente colocaron reloxos de orixe francesa, ben procedentes de Estrasburgo como os Ungerer e os Gugumus, ou ben procedentes de Morez como os Odobey, os Bailly-Comte e os Prost. O reloxo ceense é do tipo dos alsacianos de Ungerer Brothers, empresa fundada por Albert e Théodore Ungerer no 1858 trala morte do seu patrón, o prestixioso reloxeiro Jean-Baptiste Schwilgué, do que herdaron coñecementos e planos de fabricación.

O reloxo ceense é sen dúbida unha máquina de aspecto elegante distribuída en tres trens. No central, e en disposición piramidal, atópase o sistema de movemento que marca o paso do tempo sostido por catro piares sobre o bastidor base da máquina. No fronte ten unha pequena esfera de latón cunha agulla que serve para axustala hora do reloxo sen necesidade de saír ao exterior a comprobala esfera, así como tamén unha placa de bronce remachada no bastidor coa inscrición M. Hoefler. Madrid (a mesma que aparece tamén na esfera). Nos outros dous trens sitúanse os mecanismos que fan soar as horas e os cuartos. Un palier é o encargado de distribuír o movemento ata a esfera exterior.

Nas pontes incrustáronse unhas pequenas pezas de bronce que foron furadas para convertelas nos rodamentos da máquina, á diferenza das máquinas francesas nas que eses rodamentos eran pezas extraíbles suxeitas por medio de parafusos. Un sistema, o do reloxo de Cee, máis elemental, pero igual de eficiente. O regulador é un péndulo cun pesado disco sustentado por medio de dúas láminas flexibles de aceiro e suxeitas, ao mesmo tempo, por catro láminas de latón, mentres que o sistema de escape é dos denominados de áncora de retroceso.

As pesas colgan, cada unha do seu cable, en dobre volta con dúas poleas. Os cables foron dirixidos ao teito da estancia por medio dunhas poleas superiores; desta forma o percorrido posible das pesas é algo curto e, polo tanto, a reserva de marcha pequena.

A abundancia de bronce e latón nas pezas do aparello fan que o conxunto tíngase de abundantes dourados, dando como resultado unha máquina ben fermosa á vista, a cal, á súa vez, está resgardada por un armario de madeira con ventás de cristal.  Nunha estancia superior á da máquina atópanse as dúas campás de bronce accionadas por medio de martelos exteriores. A marca de fábrica que nelas aparece deixa ben as claras quen foi o seu autor, así como a data de elaboración: Maestro fundidor (José) Cuervo en 1886. Nelas aparecen tamén gravadas sendas cruces e os nomes de Jesús, María José, as tres persoas da Sagrada Familia que aparecen de forma reiterada nas campás entre os séculos XVII e XX.

O custe do reloxo, como se desprende da documentación conservada, ascendeu a 15.652 reais, os cales foron pagados en dous prazos: un primeiro abono de 5.420 reais realizado o 13 de outubro de 1885 (seguramente cando foi encargado), e un segundo pago de 10.232 reais, desembolsado pouco despois da instalación definitiva, concretamente o 29 de outubro de 1886. Dado que un real era a cuarta parte dunha peseta, o custe do reloxo ascendeu a 3.913 pesetas da época. A maquinaria e a esfera foron restauradas no ano 2020 pola casa coruñesa Dans Relojeros.

Este monumental reloxo e as súas campás, co seu característico son, marcaron a rigorosa disciplina de traballo no instituto co fin de lograr a eficiencia formativa, e regularon, ao mesmo, tempo a vida e as actividades laborais da veciñanza durante unha boa parte da súa historia.