Prever

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

10 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Semanas atrás tivemos noticia de que a concelleira de cultura e festas de Carballo, Maruxa Suárez, convocaba unha reunión cos hostaleiros con ánimo de compartir propostas, para aplicar durante as festas de San Xoán, que beneficiasen reciprocamente a negocios e veciños. Loable iniciativa de participación cidadá. Iso significa prever: coñecer ou imaxinar con anticipación algo que vai ocorrer. Mágoa que coas obras e peche da Ponte da Milagrosa non se tivera feito algo así. Sabemos que a responsabilidade é de Augas de Galicia, organismo dependente da Xunta, que son obras necesarias e que temos que ser pacientes cos inconvenientes que ocasionan, porque a longo prazo benefician á nosa calidade de vida. Agora ben, tamén é certo que os representantes municipais do Concello, como Administración máis próxima, deberan ser os que liderasen estes conflitos adiantándose ás consecuencias negativas que esas obras causan no tecido produtivo e nas relacións veciñais. Propoñer solucións paliativas e alternativas viables, sexa a través das propias competencias administrativas, ou reclamando medidas ante esoutra institución, é unha obriga. Non teñen que esperar a que os veciños levanten a voz como está a ocorrer. Podo entender que as bonificacións impositivas crearían un precedente discriminatorio con afectados por outras obras, pero a solución que propoñen, comerciantes e veciños, como é instalar unha ponte alternativa de uso peonil que facilite o tránsito entre as dúas beiras do Anllóns non parece unha petición exaxerada, tendo en conta que xa se fixo noutra ocasión. Como sinalan, o dano económico que se está a producir é obxectivo e o perigo de peche e ruína de moitos negocios da zona tamén. Por algo se di que para non lamentar...