Libro e lectura, ferramentas para «mellorar a vida» ás que Carballo abre a porta

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Presentada a 17.ª Semana do Libro e a Lectura. O epicentro de actividades, a biblioteca Rego da Balsa

18 abr 2024 . Actualizado a las 23:05 h.

Soledad Felloza, Teatro Ghazafelhos e Bandullo Azul, Raquel Queizás, Marta Ortiz e o Mago Paco pasarán nos vindeiros días por Carballo como parte da 17.ª edición da Semana do Libro e a Lectura, iniciativa impulsada dende a área municipal de Bibliotecas, patrocinada pola Fundación Luís Calvo e organizada dende Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). Na presentación da proposta, este xoves, convidou a edila Ángeles Pacoret a facer oco na axenda e tempo de lecer para, do 22 ao 26, gozar dunha biblioteca, a Rego da Balsa, repleta de libros, pero tamén de «versos, cancións, contos, teatro ou maxia...».

Con vén sendo habitual, a programación terá dous apartados clave. Dun lado, actividades concertadas cos centros de ensino polas mañás, nas que tomarán parte centos e centos de nenos e nenas, avanzou o alcalde, Evencio Ferrero, e doutro, actividades abertas ao público en xeral. Estas últimas, do 22 ao 26, serán tamén na Rego da Balsa, cada día ás 18.00 horas e con necesaria inscrición previa polas canles habituais debido ao aforo. Soledad Felloza o luns 22, Teatro Ghazafelhos o martes 23, Bandullo Azul o mércores 24, Raquel Queizás o xoves 25 e o Mago Paco o 26. Tardes que se poden aproveitar, ademais, para visitar as exposicións permamentes de traballos elaborados por alumnado de todos os centros de ensino do municipio, e polos cales agradeceu Pacoret a pequenos e docentes «as horas investidas».

Ana Pérez Rico, vicepresidenta da AS-PG, sumamente agradada pola feitura da biblioteca municipal, confesou o «pracer» que é para ela acudir a Carballo. Máis aínda, para presentar a 17.ª edición —desexou outras 17 máis— dunhas xornadas que, segundo afirmou, «non se dan noutros puntos da xeografía galega». O fin último pasa por promocionar a lectura e o libro, ademais da lingua: «Eu tamén son mestra, e sei ben o traballo que supón todo isto, é de celebrar que as escolas teñan esta oportunidade». Falou da «maxia da lectura», non só xa como creadora de universos, senón como ferramenta «para mellorar a vida». Será esta unha «porta grande» para o goce «nun pobo de artistas».

ANA GARCIA

Profesorado, alumnado e familias son os piares da «simbiose» que o rexedor situou detrás do éxito desta iniciativa en torno a o libro e a lectura que cadra perfectamente coa concepción da Rego da Balsa: un espazo diferente en torno ás letras, un punto de encontro coas ensinanzas e co divertimento: «As persoas lectoras teñen máis capacidade de análise, de crítica, autocrítica e progreso». Foi o seu agradecemento para AS-PG, Fundación Luís Calvo Sanz, colexios e fogares.