Indixentes

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

19 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonte, sentado nunha terraza cuns amigos, negámoslle esmola a un mozo que pedía para comprar un bocadillo. A resposta do rapaz foi como unha labazada na conciencia: non vaia ser que coma! Interpelación que pode servir como metáfora de prexuízos e indolencias que marcan a percepción que temos de certas condutas, erráticas en moitos casos, pero tamén accidentais ou sobrevidas por circunstancias que o ser humano non controla. Problemas complexos na maioría dos casos que a sociedade asume como efectos colaterais irresolubles. O primeiro día que vemos a un indixente durmindo na rúa con catro cartóns, recibimos unha descarga eléctrica e, ao pouco tempo, asumímolo como parte do mobiliario urbano. Sempre que eses espazos non foran acondicionados con todo tipo de impedimentos que permitan un acubillo. Cremos que, coa dedicación que prestan os servizos sociais, acabar na rúa é culpa das dependencias ou libre elección duns anacoretas libertarios. Mais un sistema social que non coida e protexe aos individuos con dificultades é claramente unha sociedade defectuosa. Xa sei, non vivo na pampa, que a perfección non existe. O problema está en se somos conscientes, como sociedade e individualmente, de que temos o deber de ser humanitarios. Xa non digo obriga, aínda que calquera podemos vernos nesa situación de penuria. Recordemos os desafiuzamentos provocados pola crise bancaria. Sen ir moi lonxe, en Carballo, estes días vimos como algúns indixentes eran expulsados dunha beirarrúa cuberta e unha familia montaba unha chabola no lavadoiro preto do Pazo de Cultura. Así que podemos normalizar a miseria ou buscar solucións por moito que non sexan nin perfectas, nin definitivas. Fagamos algo, non vaia ser que coman!