Carolina Iglesias: «Encantaríame ter a Penélope Cruz en ''Estirando el chicle''»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

EDUARDO PEREZ

A humorista, presentadora e comunicadora galega participará nunha nova edición do festival Carballo Interplay

04 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Once anos leva o festival Carballo Interplay sendo o epicentro da creación dixital galega, e hoxe, xoves, arrancará unha nova edición cunha novidade fundamental: o cambio de localización ao Mercado de Abastos. Entre a ampla programación prevista para os vindeiros catro días, haberá espectáculos de gran popularidade como «Maldito Bollodrama» e tamén intervirán o cómico Xavi Daura ou a comunicadora Carolina Iglesias, que presentará o seu primeiro espectáculo conxunto con Laura Márquez. Así o contou onte en Radio Voz:

— «Unha proposta divertida e para nostálxicas millenials», di o Interplay sobre o espectáculo no que participaredes ti e Laura. Poden ser os millenials os máis nostálxicos das cousas que os marcaron a nivel xeracional?

—Pode ser... Non sei se despois, co paso do tempo, me esquecerei e vivirei máis no presente, pero por agora... Este espectáculo será guai, porque Laura é de Córdoba e eu da Coruña, que son sitios moi opostos en canto ás cousas que vivimos de mozas.

—Foron os millenials os que puxeron enriba da mesa o concepto das xeracións?

—Supoño que tamén estamos nun momento de categorizar e etiquetar moito as cousas, e igual iso ten que ver.

—Que marcou a Carolina? Algunha serie, película, reality...

—No meu caso Operación Triunfo foi clave. Fun unha nena que medrou vendo moita televisión polas tardes, aínda que tamén xogaba moito en soidade, pintaba e lía bastante, pero crecín vendo o Xabarín Club e mesmo o Luar, que a miña nai me gravaba en vídeo e despois eu vía á mañá seguinte.

—A franxa dos 30, á que tantos millenials están agora chegando, é tan traumática como se quere facer ver?

—Pois eu fíxenos o ano pasado e o certo é que estou moi ben, contenta no apartado profesional e persoal. Supoño que o problema é chegar a esas cifras redondas e que non che guste o que estás vivindo ou facendo. Tamén din que esa crise agora dá máis aos 35, así que a ver...

—Falaba de como a marcou Operación Triunfo, e precisamente foi partícipe da estratexia dixital do regreso do programa, no 2017. Cal cre que foi a clave do éxito daquela edición?

—O que ten OT é que é un programa que non mira por enriba do ombro ás xeracións máis novas e ás redes, senón que as trata de coñecer, de entender e de adaptar ao seu formato. Creo que iso foi clave.

—Que tal vai «Estirando el chicle»? É un dos podcast de maior éxito do momento...

—Pois estou moi contenta, porque levamos catro anos e sinto que xa surfeamos a onda da novidade, que era o que nos daba un pouquiño de medo: como xestionar o tema unha vez deixásemos de ser a novidade. Pero o certo é que a xente segue escoitándonos, mesmo nun momento no que hai tantos podcast.

—Despois de tantos programas, cal sería o seu convidado soñado?

—Pois o outro día dixéronme que levamos máis de cen! A min gustaríame moitísimo traer a Penélope Cruz ou a Amaia Montero, pero hai moita xente interesante.

—Estamos nun momento doce para os podcast, a que cres que se debe o éxito deste formato? Xa hai demasiados?

—Hai moitos, pero a audiencia é a que manda e hai que enganchala e ser constante. Se a meta é facer un bo programa, fantástico, pero se o que buscas é fama e premios vivirás frustrado e non gozarás do proceso. Nós estivemos un ano enteiro facendo o programa sen vivir diso, só porque era o que nos gustaba.

Primeira xornada do festival, hoxe

O Carballo Interplay arrancará hoxe co acto de apertura de autoridades (10.30) e co espectáculo Petiscos no Derby (11.30). Ás 12.30, videorregueifa con Sara Seco e Malva, e ás 16.00, proxección das series da sección Sorpresas que dá a vida. Exército Mekemeke live (17.30), presentacións de proxectos web en galego (17.30) e estrea de A moza que abordou e o contou (20.00) completan o programa de hoxe.