Últimas horas para participar no certame Contos de Primavera, de La Voz e Radio Voz

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

É un concurso literario dirixido a escolares de secundaria de centros educativos da Costa da Morte 

30 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

CPI As Revoltas de Cabana, Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, IES Terra de Soneira de Vimianzo, instituto Eduardo Pondal de Ponteceso ou Manuela Rial Mouzo de Cee fixeron chegar xa as súas propostas literarias á sétima edición do certame Contos de Primavera, promovido por La Voz de Galicia —delegación de Carballo— e Radio Voz, co apoio de Calvo. Trátase dunha convocatoria dirixida a alumnos de educación secundaria obrigatoria de centros educativos de Bergantiños, Soneira e Fisterra, ademais do municipio de Cerceda, polo que se algún deles desexa concorrer, está a tempo, mais non por moitas horas: hoxe mesmo, a medianoite, concluirá o prazo de entrega.

Os textos poden facerse chegar fisicamente á delegación de La Voz en Carballo —rúa Gran Vía, 84, 1.º esquerda, 15.100— ou ben enviarse ao correo eventos.carballo@lavoz.es. Contos de Primavera vense celebrando dende o 2017, a excepción do ano da pandemia, como herdeiro doutro certame máis antigo, Contos de Nadal, xa con vinte edicións e neste caso para primaria.

O que se procura en ambos casos é estimular a creación literaria das idades máis novas. En Contos de Primavera demándase un relato en galego que verse sobre aspectos paisaxísticos, históricos, etnográficos ou patrimoniais da comarca que habitan estes mozos, a Costa da Morte. É un xeito de incentivar o seu talento coa pluma, máis tamén o seu coñecemento do entorno próximo, tecendo historias en torno a el. O conto ha de ter como máximo 2.000 caracteres e serán os centros os que se fagan cargo do envío. Logo da lectura dos textos por parte do xurado, coñecerase este vindeiro domingo a autoría dos máis puntuados.