«Influencer» das letras: á lectura en papel tamén se pode chegar dende Instagram

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

Violeta Meléndrez e Irene Regal foron as derradeiras convidadas do Mes do Libro no instituto de Baio 

24 abr 2024 . Actualizado a las 20:41 h.

Vén de concluir no instituto Maximino Romero de Lema de Baio a sexta edición do seu Mes do Libro, iniciativa do equipo de biblioteca do centro que botou o peche coa idea, vista a activa participación do alumnado, de que cómpre seguir coa defensa e promoción do libro en galego. A bookstagramer Violeta Meléndrez, e unha nova promesa da novela negra en galego, Irene Regal, foron as derradeiras autoras en pasar polo IES. 

«Novo mundo, novas formas de achegarse á lectura en papel a través das redes sociais»: así definiron a Meléndrez, influencer do mundo literario, sobre todo no tocante a obras para público infantil e xuvenil. A súa idea é xerar un ambiente positivo en torno aos libros que escolle, e así o dixo no seu encontro con alumnos de terceiro da ESO e primeiro de FP básica, logo de ser presentada por Cristina Soto, amiga e exalumna do centro educativo.

ANA GARCÍA

As reseñas en galego de Violeta están na conta de Instagram @littera_lupa. Ata teñen clube de lectura vía Telegram! Ela mesma recomendou outras contas que son verdadeiros escaparates para a lectura: @delibrosalibres, @libroscontos, @mazadahorta, @neeumatiko ou @surfeandolibro. 

O encontro de Irene Regal, pola súa banda, foi con alumnos de cuarto de ESO e do club de lectura de primeiro de bacharelato e primeiro de ciclo medio. A malferida, novela negra da súa autoría, mereceu o Premio Illa Nova de Narrativa: ten como elemento fundamental a intriga, e como eixo a cuestión do acoso. Foi ben preguntada pola obra, e tamén por Tecendo redes, Premio Vilar Ponte 2022. Chegou Irene a Baio dende a Mariña lucense, acreditando, como din dende o IES, que a lectura abre horizontes e permite ir conformando a identidade de cada quen.