A Costa da Morte escribe letras propias no Día do Libro

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

Axenda para este 23 de abril | A inmensa maioría das citas deste martes teñen que ver con esta xornada conmemorativa. Pero tamén hai outras, como verbena en Camariñas por San Xurxo

23 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Martes 23 de abril, Día do Libro, e unha boa remesa de actividades para conmemoralo na Costa da Morte, como xa se vén facendo tamén noutras localidades ou centros educativos dende comezos de mes. Citas de hoxe:

Carballo • Semana do Libro e a Lectura • Botou a andar onte na capital de Bergantiños a 17.ª edición da Semana do Libro e a Lectura, promovida dende a área de Bibliotecas e organizada pola AS-PG. Pasou este luns Sole Felloza por Carballo e hoxe farao a compañía Teatro Ghazafelhos. Terá dobre intervención, pola mañá con Ándale, bon appêtit!, para escolares, e pola tarde, xa para público xeral (18.00 horas), con A caixa sen Pandora. Todo, na biblioteca Rego da Balsa, onde tamén se poden ver exposicións de traballos escolares. Para a sesión das 18.00 horas cómpre reservar praza. É de balde.

Carballo • Presentación de «Finis Terrae», de Marcos Rodríguez • Ademais da Semana do Libro e a Lectura, Carballo promove para hoxe a presentación do libro de fotografías Finis Terrae, de Marcos Rodríguez, nado na vila. O acto está previsto para as 20.00, no Museo de Bergantiños, e ademais do fotógrafo estará presente a autora do prólogo, Rosalía Fernández. Organizan as áreas de Bibliotecas e de Cultura.

Cee • Talía Teatro • Vén a conmemoración da man da biblioteca municipal e o Concello, coa función da obra Rosa Caramelo, de Talía Teatro. No auditorio Baldomero Cores, ás 11.00 horas, para alumnado de infantil dos colexios ceenses de das unitarias de Brens e A Pereiriña.

Dumbría • Coas mans na masa • Continúa o Abril de Libros promovido polo Concello dumbriés. Ás 18.00, na bibioteca precisamente de Dumbría, sesión de manualidades con OQO Editora: Coas mans na masa. É gratuíto.

Vimianzo • Obradoiro • Logo de ter gozado xa este domingo de literatura e de teatro, no Concello de Vimianzo reservaron para este 23 de abril un obradoiro de actividades varias, para pequenos de 3 a 12 anos. Será na biblioteca da Casa da Cultura, de 17.00 a 19.00 horas, con necesaria inscrición previa.

Corcubión • Presentación literaria • A asociación Boca de Sapo, coa colaboración do Concello de Corcubión, promove para este martes ás 19.00 horas, na biblioteca municipal, a presentación da obra Esperta do teu sono (Xerais), da autoría de Lola Rontano. A novela ten no seu centro a loita contra a mina de Corcoesto, en Cabana.

Zas • Ratos de Lonxedetodo • De onde veñen os bebés? (e outras preguntas). A función, para público infantil, comezará ás 18.00, na biblioteca.

E máis alá do libro... • Trébol e Los Satélites en CamariñasFestexan San Xurxo, patrón. Para as 13.00 está prevista a misa, con posterior vermú a cargo da orquestra Trébol. Actuará tamén na verbena, con Los Satélites.