As Xaviñanas traen premio para a Costa da Morte do concurso de Xiradela 

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

As pandereteiras da Universidade Popular de Corcubión interpretaron «Serán de Moscoso». Escoitáronse en Arteixo máis de 15 pezas recollidas nas comarcas de Bergantiños e Fisterra

22 abr 2024 . Actualizado a las 13:38 h.

Unha das capitais da música e o baile tradicional estivo este domingo 21 de abril en Arteixo. Alí, a veterana asociación Xiradela (1982) impulsou unha nova edición do seu Concurso de Música Tradicional, a 24.ª, na que congregou a 352 persoas integradas en medio cento de grupos procedentes de 32 asociacións de diversos puntos de Galicia. Repartiríanse 2.400 euros en premios. Máis alá de integrantes da comarca que poida haber nalgunha otra das formacións participantes, a representación da Costa da Morte veu da man das pandereteiras As Xaviñanas, da Universidade Popular de Corcubión. E, unha vez máis, volverán á súa terra traendo deste certame un premio, pois mereceron o terceiro posto da categoría C, corresponden a participantes de 13 a 17 anos. As catro rapazas interpretaron «Serán de Moscoso». Teñen como mestre a Miro Regueira.

Autenticidade da peza, dificultade, afinación e interpretación foron as cuestións tidas en conta polo xurado, do que formou parte a informante Teresa dos Cucos. Veciña da aldea de Pontella, en Malpica, é «historia viva do folclore galego». Así o destaca Xiradela, sendo unha desas mulleres de Bergantiños que teñen por referente. Teresa ten actuado con artistas de primeiro nivel como Xabier Díaz, pero é, por diante de todo, unha conservadora da cultura tradicional transferida ás novas xeracións a traves da oralidade. Tela no xurado, contan, foi «unha honra». 

Imaxe de familia logo da celebración do concurso
Imaxe de familia logo da celebración do concurso

Máis de 15 pezas recollidas na Costa da Morte

Máis alá da representación persoal, non puido a Costa da Morte estar máis presente neste concurso de Arteixo a través das pezas. Alí o público puido escoitar Cantar, maneo, muiñeira e pasodoble de Erbecedo, Coristanco; Cantar, maneo e muiñeira corrida de Limiñoa, Ponteceso; Maneo, punteada de Limiñoa e pasodoble de Vigo dos Toxos (Ponteceso e Malpica); Cantar, muiñeira e xota de Anxeriz; Agharrado, maneo e muiñeira de Limiñoa (Ponteceso); Jota, muiñeira e pasodoble do Campo da Ghralla-A Ameixenda (Cee); Muiñeira, maneo e agarrado de Cambre (Malpica); Pandeiretada de Sísamo (Carballo); Muiñeira de Chamusqueira e maneo de Bértoa (Carballo); Canto, muiñeira e maneo de Berdillo (Carballo); Maneo e muiñeira de Cambre (Malpica); Cantares de dona Florinda Lado (Dumbría); Muiñeira corrida, muiñeira e maneo de Silván (Coristanco); Cantares de Santiso (Malpica); Canto e muiñeira de Soesto e xota de Laxe; e Valse corrido dde Agranzón, muiñeira e xota de Añobres. Máis de 15 pezas saídas desta terra e que ofreceron no escenario grupos das asociacións Cantigas e Agarimos, Agrocovo, Donaire, Xacarandaina, Punteirolo, Amado Lar, Soalleira, Retranqueiros, Santiaguinhos de Boimorto.