Interesantes reflexións da profesora Ana María Platas na presentación en Santiago da «Antoloxía poética» de Enrique Labarta

X. da Quinta

CARBALLO

LEMA

«Os poemas de Labarta gustáronme moito, lembráronme o galego dos meus avós», dixo a catedrática

20 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

pasado 16 de abril tivo lugar no Museo do Pobo Galego de Santiago a presentación da Antoloxía poética de Enrique Labarta Pose. Os autores, Xosé M.ª Rei Lema e Xosé M. Varela Varela, que seguen descubrindo nas hemerotecas novas sobre o escritor, desvelaron algunha anécdota curiosa, como un comentario de 1937, en plena guerra civil, dun xornal do bando sublevado, El Adelanto, que se burlaba da noticia —procedente dunha radio republicana da Madrid— de que os libros que solicitaban os soldados galegos da Armada republicana eran «Follas Novas de Rosalía de Castro y poesías y cuentos de Enrique Labarta». Este intento de mofa non fai máis que corroborar a popularidade que aínda tiña o escritor baiés doce anos despois da súa morte.

Entre os asistentes ó acto estiveron un directivo da tuna compostelá, que lembrou o paso do escritor pola tuna (como despois tamén o faría Castelao); Ángel Eugenio Labarta —descendente dunha rama familiar do escritor, que xa asistira a presentación de Baio—; o poeta e profesor ceense Miro Villar e a baiesa Ana María Platas Tasende, catedrática xubilada de Lingua e Literatura Castelás, que manifestou a súa opinión sobre a obra do autor baiés nestes termos: «Os poemas de Labarta gustáronme moito, lembráronme o galego dos meus avós e admiráronme porque son poemas intelixentes, humorísticos, irónicos, produtores de sorrisos, reflexo dos costumes daqueles tempos e adianto doutros que ían vir. A isto engado a sorprendente enxeñería do noso paisano. Non é xusto que se ignore todo o que fixo polo galego e toda a arte que nos deixou. (...) En Labarta hai que admirar a capacidade versificadora entre moitas cousas máis, a musicalidade que dos seus versos, curtos e longos, se desprende. Xa o recoñeceron antes importantísimos compoñentes dos xurados que lle concederon tantos premios».

As palabras da profesora foron moi aplaudidas e mesmo foi convidada desde o público a que fose ela quen rematase o acto lendo un dos poemas do libro; escolleu fragmentos da Revista dunha corrida ¿de touros? Na vila de Noia feita por un labrego. Cómpre salientar que Ana Platas é unha reputada especialista en crítica literaria, pois conta no seu longo currículo con libros e artigos sobre escritores da categoría de Miguel Delibes, Buero Vallejo, Camilo José Cela, Vargas Llosa, Muñoz Molina, Zamora Vicente, Alfredo Conde ou Carlos Casares, entre outros. Xubilouse hai uns anos no IES Rosalía de Castro de Santiago como profesora de Literatura Española e Universal do Bacharelato Internacional.