Viacrucis

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

Una mujer palestina huye del Hospital Al Shifa con sus trillizos y se dirige al sur.
Una mujer palestina huye del Hospital Al Shifa con sus trillizos y se dirige al sur. Ramadan Abed | REUTERS

29 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Como manda a tradición, que cumpro obedientemente cando escribo os meus persoais viacrucis, este tamén debera ter as consabidas catorce estacións. Mais nesta ocasión, na que coincidimos con Venres Santo, a angostura desta columna non permite divagar en exceso e decidín facer unha soa estación de penitencia. Tamén é certo que o tema do que falo ben merece, por desgraza, ser tratado exclusivamente. Refírome á masacre que o exército de Israel, comandado por gobernantes desequilibrados, coa axuda de Estados Unidos, Reino Unido, e a condescendencia hipócrita da Unión Europea, está cometendo en Palestina. Nestes momentos xa se contan 32.000 mort@s, entre eles 14.000 nen@s.

O martirio dunha poboación esfameada e sen recursos sanitarios, nula capacidade económica e atrapada no seu propio e devastado territorio sen poder fuxir a ningures. Asusta incomprensiblemente que o pobo xudeu que estivo a piques de ser aniquilado polos nazis estea a provocar agora un xenocidio desta magnitude. Para esta barbarie non hai escusas. Todos temos dereito a defendernos cando somos atacados, xudeus e palestinos tamén, pero esta desproporción bélica é unha vergoña. Sabemos que a inimizade está tan enquistada que calquera solución a este conflito eterno precisará de moitas cesións polos dous pobos, pero dalgún xeito haberá que parar esta barbarie. Aínda sen ser suficiente, ben está esa última resolución da ONU solicitando parar esta guerra. Decisión que me trae recordos morriñentos daquela fracasada reunión en Camp David (xullo de 2000) entre Clinton, Arafat e Barak, na que estiveron a piques de chegar a un acordo que ofrecía un futuro de esperanza para convivir en paz. E nós, estaremos a lavar as mans como Pilatos mirando de esguello?