Desafección

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

Isabel Díaz Ayuso, este jueves, durante una rueda de prensa.
Isabel Díaz Ayuso, este jueves, durante una rueda de prensa. CARLOS LUJAN | EUROPA PRESS

15 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Sabemos que a falta de afectos no aspecto persoal e íntimo crea un baleiro desacougante ás veces. Sentimentos que, de non ser un anacoreta, cada quen resolve como pode coa axuda de familiares, amizades e amoríos que cando non son correspondidos provocan desafectos de nefastas consecuencias. Relacións marcadas por contradicións irresolubles entre felicidade e tristura coas que o Romanticismo fixo arte. Pero se deixamos de lado esas derivas individuais e nos centramos no conxunto das relacións sociais, sobre todo cando nos referimos á actividade política, o nivel de desafección crece a un ritmo alarmante.

Non direi que sen razón, xa que a corrupción dentro dos partidos políticos de referencia tradicional é unha gangrena, polo de agora, sen tratamento sanitario efectivo. Unha enfermidade estrutural como podemos ver estes días nos casos tan pouco edificantes de Koldo (PSOE) e Ayuso (PP). E tamén inflúen, por suposto, outros factores como incumprimentos das promesas electorais, abandono e privatización dos servizos públicos elementais, falta de solucións para problemas que afectan a amplos grupos de poboación que viven na precariedade e abandono de sectores produtivos vitais condenados á decadencia absoluta...

O máis preocupante é, dende o meu punto de vista, que esa desafección divídese en dous sectores que acabarán por determinar o futuro das sociedades democráticas actuais: por unha parte, o abandono abstencionista do compromiso social e, por outra, o avance de grupos populistas e líderes salvapatrias que se aproveitan do descontento. O que parece ser incuestionable é que o amor ideolóxico e gregario deixou de ser eterno e que os depredadores campan temerariamente en busca de carnaza.