En primeira persoa: Xosé Manuel Lobato Martínez | Un universo de diversidade sen par

Xosé Manuel Lobato

CARBALLO

XOAN A. SOLER

Cheguei a primeira vez a esta costa indómita nun haiga

25 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Paraíso no feitizo dunha ollada na inmensidade, absorbente visión descubrir dende o noso cabo do mundo un universo de colorido e diversidade sen par.

Roibén, solpor, ardora, reverberar dun mar que bica na Costa do Solpor, beixos dun vaivén incansable e imperturbable, brincadeira constante no abalo e devalo dunhas mareas, íntimas do luar, que teñen especial preferencia polos cantís, tamén por esas furnas que brúan con delirio nunha musicalidade harmónica que mesmo conseguen que a sangue dos deuses sexa visualizada no encanto do roibén.

Eu cheguei por primeira vez a esta costa indómita nun haiga, acompañado duns tíos emigrados en Bos Aires, por aquel entón, a miña visión era de nenez e inmatura, mais con interese pola descuberta e ávida na observación.

Lembro perfectamente a lentitude daquel haiga por unha estrada estreita e de constantes reviravoltas, curvas que paseniñamente amosaban dunha banda un mar de grande viveza, mentres que pola outra beira sempre agardaba algunha sorpresa dun novo descubrimento.

Para un neno do interior, ollar o mar non é un acontecemento menor, pois moi devagar observaba abraiado naquela inmensidade de contrastes.

Mentres na outra banda aparecían os imperturbables que nunca deixan de ollar ese mar, aí estaban monumentos naturais de exclusividade, o monte Louro, o impoñente e avermellado monte Pindo, fervenza do Xallas...

Foi aquela unha viaxe dun día, nunha xornada estival que levoume dende a Pico Sacro ata o cabo Fisterra, coñecendo o que na actualidade recoñezo como auténticas alfaias do patrimonio natural de noso.

Foi así como esa primeira excursión, un galano de meus tíos, quedou impregnada na retina e na miña memoria como algo diferente, e ata aquel momento descoñecido.

Avanzando o tempo chegou a propia autonomía que nos transfiren os aniversarios, foi entón cando regresei a este territorio verbalizado e nomeado pola literatura como a Costa da Morte, ou da vida, segundo o enfoque de cadaquén.

Un amplo territorio sen límites moi definidos que fun coñecendo e admirando paso a paso, con cada camiñada unha nova experiencia, un novo descubrimento, un mar de sensacións únicas, mesmo unha ollada diferente cando a experiencia era repetida.

Galicia é diversidade, contrastes nese mural de caprichosa naturalidade de beleza sen par. Coñecela en profundidade, significa paixóns sen condicións.

Inmerso nese dédalo natural que é Galicia, emerxe un edén coñecido pola Costa do Solpor, unha contorna que enfeitiza pola súa beldade, unha bonitura que conquista a calquera ser con capacidade e sensibilidade para apreciar a súa caprichosa rebeldía natural.

Indomable, mais de donda fraxilidade no seu equilibrio, entre a súa pureza natural e a man do ser humano sempre áxil para adaptar o natural para cos seus intereses, aínda que estes, na maioría das actuacións sexan nefastos para o medio ambiente.

Seguín co hábito cada vez máis habitual de visitar esta zona tan especial, con ese encanto marabilloso de arrecendo a argazo e tolería cromática, onde nubes e vento xogan un rol moi especial.

Porén, esa alancada definitiva despois de incontables zancadas, a miña paixón por esta comarca chegou da man dun grande amigo, de un coñecedor en profundidade deste pequeno universo de contrastes... Foi o poeta Miro Villar quen franqueou as fiestras e amosoume ese amor especial pola súa contorna de nacenza.

Foi ese guía ideal, ao unísono percorremos quilómetros de observación, así como de información que Miro sempre achegaba para cada recuncho desta costa, así como da súa prolongación terra a dentro.

Desas xornadas compartidas no camiñar, xurdiron varios textos, entre outros; Sabedoría dun hórreo en Merexo, Un espírito nas tebras, Punta Nariga...

Do relato de Punta Nariga, rescato o seguinte parágrafo: «Fieis acompañantes da embarcación da luz son a punta Roncudo e as illas Sisargas, que dende a súa veciñanza custodian e gozan da atlante da proa da nave pétrea, que ten a importante misión de auxiliar coa súa luz o rumbo dos navegantes. Os seus sinais son un efecto balsámico para devolver a consciencia a todos aqueles que se deixan enveredar polas fermosas sereas que moran na zona».

Complementou este coñecemento directo as lecturas sobre

a zona, fundamentalmente poesía e narrativa das escritoras e escritores que formaban o Batallón literario da Costa da Morte, un grupo de autoras e autores, todos eles coñecedores profundos desta emblemática contorna. No epicentro deste máxico enclave, tamén na literatura do Batallón, está Fisterra, onde o santo Cristo da dourada barba admira dende o seu promontorio esa Ara do mar, unha auténtica exclusividade maxestosa.

DNI

Xosé Manuel Lobato. Nado en Pazos, en Boqueixón, fillo de emigrantes e cunha necesidade vital por coñecer e profundar no eido da diáspora, estudou o mundo migratorio e presentou en 1999 a tese doutoral, Autoconcepto en hijos de emigrantes. Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, profesor en varios niveis, na actualidade está pre xubilado. Forma parte do padroado da Fundación Xosé Neira Vilas e é presidente da asociación cultural mestre Manuel Gacio e membro de diferentes entidades, entre outras, a Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Ten publicado artigos en prensa escrita e dixital e libros como Trobar do ar (2021) , Doa, doa,... Avoa (2019), Elos de cinza (2015), Máxico tear natural (2011), Retorno a natura (2009) e Cos pés na peneira (2005) e participado en obras colectivas como Pico Sacro. Ferido do lóstrego e a lenda (20017) coordinado xunto con Miro Villar.