Utopía

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

Ana García

A constante cantilena de que nos ía a gobernar unha muller nacionalista, enganosamente moderada, que escondía dentro do seu corpo unha terrorista en potencia, calou coma un orballo no avellentado electorado galego

23 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Penso que, en certo modo, seguir a comentar os resultados das eleccións en Galicia é unha perda de tempo. Todos sabemos quen gañou e quen perdeu. Quedan por coñecer eses análises técnicos de sociólogos e politólogos que, seguramente, pouco interesan á poboación en xeral.

Mais algo teremos que dicir se atendemos ás valoracións feitas polos partidos políticos e comentaristas da maioría dos medios de comunicación. Practicamente nada do que se pode ler ou escoitar ten moito que ver con Galicia e a súa xente. Iso si, parece que saben que está no noroeste, que é unha «nai velliña», (como sinala Fernando Cabeza Quiles en Galicia, o galego e os galegos, tomando como referencia uns versos de Manuel María), que somos tenr@s e agarimos@s, que falamos marcando longas pausas como se o paso do tempo non afectase á nosa existencia e que somos moi conservadores. Tamén do voto estrutural, do feudo fraguista/feijoano e do rica que está a empanada de berberechos.

Do que non din nada, ou case nada, é do medo. Un factor psicosocial, difícil de cuantificar, que eu considero decisivo no resultado. A constante cantilena de que nos ía a gobernar unha muller nacionalista, enganosamente moderada, que escondía dentro do seu corpo unha terrorista en potencia, calou coma un orballo no avellentado electorado galego. Sobre da penosa aportación socialista falaremos noutra columna. Agora toca pensar no futuro.

Os resultados son os que son. O que non puido ser, non puido ser, e xa é imposible. Como ben di o sociólogo Edgar Morin, o terrible é que os utópicos pensemos que estamos condicionados por necesidades históricas baseadas en predicións absolutamente científicas, xa que a verdadeira utopía é a que se recoñece como irrealizable. Tamén é certo que torres máis altas xa caeron.