Carballo, Cee, Cabana e Fisterra festexarán a Rosalía de Castro

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

Algúns dos Concellos promoverán actividades máis alá do día propio, que é o 23 de febreiro

20 feb 2024 . Actualizado a las 23:45 h.

Achégase o 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro [ata non hai moito, o 24], e na Costa da Morte comezan a difundirse actividades en torno á padronesa. Carballo foi, neste senso, un dos concellos máis madrugadores. Aquí, a escritora ten presenza no rueiro, mais tamén, dende o ano pasado, un xardín a ela dedicado á beira do Río Anllóns. É neste espazo onde se están a facer visitas guiadas para escolares de cuarto de primaria, iniciativa que pretende poñer en valor a figura de Rosalía dende o aspecto teórico e artístico. Así, a proposta vai da man do grupo musical Raiceira

Con Marta Álvarez, Manuel Lucas, Hadrián GArcía e Adrián Méndez, os nenos fan un percorrido durante uns 45 minutos. Hai unha primeira parte con actividades para achegarse á autora a través da súa vida e obra, de xeito lúdico. Logo, interpretan os poemas O moucho ou Adeus ríos, adeus fontes. Impulsa a área de Normalización Lingüística, e complementarase con achegas dos centros educativos. No CEIP Bergantiños, por exemplo, ilustraron a vida da escritora: o venres, coa colaboración do servizo municipal de xardíns, colocarán as ilustracións no propio xardín. 

Xardín en Carballo dedicado a Rosalía de Castro
Xardín en Carballo dedicado a Rosalía de Castro ANA GARCIA

Luís Vallecillo, en Cee

Aínda co regusto do entroido, en Cee tamén comezan a prepararse para lembrar a Rosalía. Neste caso, será o vindeiro domingo, 25, e coa obra Cantamos con Rosalía, un percorrido pola literatura infantil da infancia da padronesa. O artista Luís Vallecillo contará como nos libros atopou ela refuxio. Música, xogos e diversión nun espectáculo familiar, obra dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios prevista para as 18.00 horas e con entradas a 3 euros (2 euros a reducida). Poden mercarse na billeteira da Casa da Cultura dende 45 minutos antes do comezo da función.  

Poesía e cultura en Cabana

Outra proposta por Bergantiños para lembrar a senlleira figura da escritora de Padrón chega da man do Concello de Cabana, e será xa este xoves 22. Dende as 11.30, na Escola de Vela, haberá unha serie de actividades arredor do legado da poeta, dando comezo coa elaboración do Caldo de Gloria sobre o que a propia Rosalía escribiu. Matilde Vilariño, membros da xunta local da AECC, da entidade Íntegro, da escola municipal de teatro e do grupo Son de Cabana lerán, a continuación, versos seus. 

Teatriños en Fisterra

Promoverá o Concello fisterrán, da man do seu departamento de Normalización Lingüística, unha iniciativa nos centros educativos, tamén este 22 de febreiro, xoves. Serán obradoiros de teatriños a partir de poemas de Rosalía de Castro, actividade na que se conectarán poesía, artes plásticas e dramaturxia.