Foto finish

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

ANA GARCIA

16 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe remata unha campaña electoral que, aínda con inesperados argumentos búmerang, mantivo un guión bastante previsible a tenor das tendencias que as enquisas adiantaban. Todo indica que a foto finish será de infarto e que posiblemente o resultado dependa finalmente desa chamada quinta provincia tan particularmente manipulada coa que conta Galicia. Despois de quince anos parece que as opcións de continuidade ou cambio están moi igualadas, así que os cidadáns, ao meu parecer, temos bastante fácil decidir o noso voto. De aí que me estrañe o alto índice de indecisos, 23,7 % calcula o CIS, a non ser que gran parte sexa voto oculto, ou que a participación non supere o 65 % dada a polaridade que domina o escenario político galego actualmente. Se observamos con certa ironía, este final de campaña semella unha maratón popular: o corredor que vai diante leva a lingua fóra e mira cara atrás, tropezando coa propia soidade, porque nota o lombo mollado polo suor dunha atleta que aspira a cazalo apoiada por un terceiro que mantén un ritmo constante e confiado. Entre o público, fieis seguidores dun e doutros animan entusiasmados, algún grupo cambia de preferencias por falta de fe e outros abandonan as gradas desesperanzados porque consideran que naceron para sufrir e gañe quen gañe a eles ha de irlles igual de mal. O importante, penso, é saber que na democracia cabemos todos, incluídos os que non queren participar polos motivos que sexan. O domingo, os que acudamos as urnas (espero e desexo que a inmensa maioría), decidiremos quen gobernará a nosa terra os próximos catro anos. Queixarse do resultado ou non aceptalo só son opcións masoquistas. Así que recomendo votar con sentidiño, sexa o que sexa tal cousa.