A Casa de Rosalía, en Padrón, acolle hoxe o primeiro Encontro Interxeracional Regueifeiro

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Máis de 40 improvisadores e improvisadoras de todas as idades e de distintos puntos de Galicia tomarán parte na cita 

03 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa de Rosalía de Castro, en Padrón, acollerá hoxe mesmo, sábado, o que a Asociación Oral —de improvisadores orais en verso— define como «acto histórico». Alí, máis de 40 improvisadores e improvisadoras de todas as idades e chegados dende distintos puntos de Galicia tomarán parte no que deron en chamar Encontro Interxeracional Regueifeiro. Esta será a primeira edición, precedida dunha asemblea anual nun emprazamento «cargado de historia» que é «berce de inspiración poética». Será Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, o que lle dea a benvida aos participantes, un acto previsto para as 11.00 horas.

A asemblea inaugural, no salón de actos, será conducida polo presidente de Oral, Carlos Alonso. «Será este un momento para compartir experiencias, coñecementos e paixón pola regueifa, unha forma singular de improvisación oral en verso que perdura no tempo con moita xera», trasladan. Para mostra, o auditorio cheo do Pazo da Cultura de Carballo, este pasado mes de xaneiro, durante a terceira edición dos Premios Galegos da Regueifa promovidos dende La Voz de Carballo.

O prato forte da xornada de hoxe en Padrón, non obstante, será o encontro de improvisación, previsto para as 16.00 no bar Casa Manolo. Aí agardan «un ambiente único de intercambio cultural, emocional e xeracional». Cabe lembrar que a asociación Oral é unha entidade sen ánimo de lucro de ámbito galego, fundada no 1997 en Vigo. Impulsárona un grupo de persoas interesadas na conservación das tradicións populares improvisadas de carácter oral. E, disto, Bergantiños ten moito.