Suso Ares: «As turoperadoras somos como almacenistas de viaxes»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Suso Ares, á esquerda na imaxe, durante a reunión coa directiva e socios de APTCM, en Vimianzo
Suso Ares, á esquerda na imaxe, durante a reunión coa directiva e socios de APTCM, en Vimianzo ANA GARCÍA

Presidente da entidade Atrega, aborda a turoperación como nova canle de comercialización do turismo na bisbarra

30 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Rematou Fitur, comezou Madrid Fusión e toca seguir falando de turismo. Mantivo en Vimianzo a Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM) unha reunión con Atrega. Aí abordouse unha canle de comercialización a seguir expandindo entre o sector nesta comarca, a dos turoperadores. Recuperándose de Fitur, falou en Radio Voz Bergantiños Suso Ares (Touro, 1968), presidente de Atrega.

—Atrega é a Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia. Nace no 2015. Conte máis.

—A entidade naceu para unificar os problemas que en conxunto temos na turoperación. Somos ás veces un sector pouco visible, ao non traballar de cara ao público. Esquécese ese ente no medio que organiza, que crea os paquetes e os distribúe polas axencias. Logo está o feito de facer forza xuntos, para tratar de solucionar, aclarar e mellorar cuestións que do día a día. É un sector que move uns 250 millóns anuais en Galicia, non sendo pese a todo unha asociación multitudinaria, porque turoperadores tampouco hai tantos. Agora somos nove, e sen ser moitos, si somos unha das comunidades que a nivel España máis turoperadores ten. Unificar o noso traballo, darnos visibilidade ante a Administración, fronte aos destinos... Foi con esa perspectiva que creamos a asociación, da que eu son presidente na última época.

—Que fai unha turoperadora?

—Somos como almacenistas de viaxes. Creamos unha serie de produtos que logo poñemos á venda no canal da axencia de viaxes. Fabricamos o produto, embalámolo, poñémolo bonito, contratámolo en boas condicións e lanzámolo ao mercado. Facemos ao mesmo tempo todo o proceso de promoción nas axencias para que ese produto chegue a bo porto. Nun destino con recursos e infraestruturas, xúntanse todo e créase un paquete, no que procuramos que non só haxa aloxamento, senón oferta complementaria.

—Gastronomía, rutas, turismo activo... Que pide o turista?

—Despois da pandemia notamos un comportamento diferente. Segue pedindo o de sempre en aloxamentos, pero agora quere experiencias, chegar a un destino e vivilo. Gozalo en todos os aspectos: comida, paisaxe, xentes... Temos agora un turista más completo, máis formado, máis esixente e preparado. Patrimonio, entorno...

—Que lle supón a turoperación, a nivel de custes, a un establecemento que entre a formar parte desta comercialización?

—Traballamos cunha comisión que se move na liña do 20 %. Temos que alimentar unha canle de distribución. Temos tamén un custe operacional do noso traballo. E unha fiscalidade bastante alta, pagamos un 21 % sobre a nosa marxe bruta. Ollo, non é unha comisión que vaiamos sacar dos clientes que xa ten o establecemento. A maneira é outra. Non supón restar un 20 % de beneficio, senón sumar un 80 %, porque o noso cliente non é un que xa tivera o negocio.

—Xestiona Yu Travel e Interrías. ¿En que ámbitos traballa?

—En bastantes. Somos receptivos, traballamos con grupos moi diversos, e tamén emisivos, sacamos opcións para o mercado galego, para Madeira, para Cabo Verde... Sur de España, mercado internacional, hai que sumar proxectos e mercados para darlle viabilidade a un operador grande.

—Que pode supoñer a turoperación para a Costa da Morte ou Barbanza? Desestacionalización? Máis estancia?

—Son exemplos, si. Non falamos dun destino absolutamente virxe para a turoperación, levamos traballando xa cunha serie de establecementos bastantes anos. A reunión de hai unhas semanas buscaba un maior coñecemento, saber de actividades novas, empresas, rutas, establecementos... Refrescar, ampliar información, neste caso a través de APTCM, para avaliar e facer unha listaxe profesional e así termos coñecemento de unidades, capacidade...

—A nivel persoal, que potencial lle a este xeodestino?

—Teño un recordo moi bo. No 93 estiven destinado en Muxía, no Xacobeo. A Costa da Morte ten para min un atractivo especial, acostumo ir bastante, de feito celebrei aí o meu 25.º aniversario de casado, en outubro e cun tempo fantástico. O que hai que ter claro, na turoperación e en calquera ámbito da vida, é que se ti traballas o que che gusta, é fácil de vender. Non me é por tanto difícil a min vender a Costa da Morte. Diría que tampouco o ten que ser desestacionalizar. Con temporal está preciosa. Os temporais en inverno son moi atractivos.

—Que nivel de implantación ten a turoperación en Galicia? Opérase xa en todos os xeodestinos?

—Practicamente, nalgúns ten máis incidencia ca noutros, pero basicamente é así por unha ausencia notable de aloxamentos con certa capacidade, con disposición tamén a traballar e a poñer, digamos, o seu destino en valor.