Gustavo Álvarez, presidente do Fogar: «Estamos escasos de instalacións»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Gustavo Álvarez en una imagen de archivo
Gustavo Álvarez en una imagen de archivo José Manuel Casal

O club carballés acumula case 500 deportistas entre natación, atletismo e triatlón

23 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Deportiva Fogar comezou este 2024 da mellor maneira, gañando o campionato galego de cros sub-18 por clubs. Un éxito máis para unha entidade que xa é unha referencia da natación, atletismo e triatlón en toda Galicia e que acumula case 500 deportistas en Carballo e arredores. Gustavo Álvarez foi un dos fundadores no 1988 é agora presidente do club.

—Cantas licencias tedes agora mesmo?

—Arrancamos o ano con 303 en natación e unhas 50 tanto en triatlón como en atletismo. Temos en mente chegar aos 500 deportistas e, se contamos as escolas estamos preto, porque pasamos dos 450. En canto ao persoal que traballa na entidade, son oito adestradores en tempada regular, dez ou doce en verán cos campamentos, e sete directivos.

—Cifras que vos sitúan como unha das grandes entidades deportivas de toda a comarca.

—Non nos gusta compararnos. Comezamos co tema da natación en 1988. En 1998 fixemos o propio co triatlón. E o tema de atletismo é bastante recente. Foi na pandemia, en 2020, de casualidade case, porque non se daba renovado a directiva do Club Atletismo Carballo e propuxéronnos asumila. E a nós como nos vai a marcha, metémonos. Ademais era un momento no que se podía facer moito deporte ao aire libre e arriscamos con esta sección, que como xa tiñamos o triatlón foi un paso menos importante. E nestes tres anos, varios campionatos galegos e rapaces en campionatos de España.

—Unha ampla oferta que necesita de loxística. Como vos organizades?

—As facilidades para facer deporte aquí en Carballo son óptimas, aínda que é verdade que agora estamos un pouco escasos de instalacións. É un problema común fales con quen fales. No caso do atletismo nin sequera temos unha instalación axeitada, aínda que parece que hai un compromiso por parte do Concello para arranxar Chorís. Pero por agora, os venres e os sábados estamos trasladando xente ao Campus de Elviña para adestrar de forma adecuada.