Xabier Díaz incorpora á malpicá Teresa dos Cucos ao seu novo disco

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O álbum Axúdame a sentir, tamén coas Adufeiras de Salitre, amosará unha versión da xota dos Cucos

17 ene 2024 . Actualizado a las 09:58 h.

A que peza, Javieriño? Non me veñas... Eu non lle chamo nada. Que lle hei de chamar eu? 

Teresa Reigía Pose, Teresa dos Cucos, é arte e personalidade. Unha mestra da memoria, como así está proclamada xa, unha das maiores informantes de melodías tradicionais de Bergantiños e da Costa da Morte e, tamén, toda unha referencia para artistas de hoxe en día como son Sés ou Xabier Díaz. É este último o que trae novidades con Teresa, en tanto que no seu novo álbum, Axúdame a sentir, amosará unha versión da chamada Xota dos Cucos, en colaboración, precisamente, con esta malpicá para a que cantar «éo todo». Lévao facendo a vida enteira, pero sen etiquetas: «Sáeme». 

BASILIO BELLO

Xabier e Teresa coñecéronse no 2009, ela como parte dun grupo de mulleres de Malpica que prestaron as súas voces para unhas gravacións de estudo. Extrovertida, divertida, Teresa quedou na memoria de Xabier e mantiveron sempre o contacto, unha relación que frutificou nas últimas Festiletras do Couto (Ponteceso), sobre o escenario, sendo ela convidada no seu concerto. «Encargueille un arranxo a Pedro Pascual da tan versionada Xota dos Cucos, e Teresa e máis eu interpretámola xuntos. Foi un momento cheo de emoción, con maxia, aquela interpretación desta peza tan coñecida que forma parte do imaxinario popular, do noso cancioneiro», evoca el.

Por iso quixo incorporala ao álbum: «Quedará deste xeito como parte da memoria, grazas á capacidade que teñen os discos de fixar unha foto para sempre, unha foto cunha persoa á que quero e admiro moito», engade referíndose a Teresa, quen xa tivera escoitado esta peza sendo unha nena duns catro anos: «Ela representa o folclore informal, nun álbum que recolle diferentes colaboracións».

BASILIO BELLO

A Xota dos Cucos, que chegou para os seguidores de Xabier este martes 16 de xaneiro, vén ademais acompañada dun imprescindible vídeoclip que recolle as xornadas de gravación en Carballo con Teresa dos Cucos. Talento e naturalidade.