Nadal

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

BASILIO BELLO

22 dic 2023 . Actualizado a las 22:35 h.

Hai moito tempo que as festas do Nadal deixaron de ser só relixiosas. Celebrámolas, con máis ou menos intensidade, descridos e crentes diversos en todo o mundo porque se asocian a eses bos sentimentos de fraternidade, amizade e de xuntanza familiar. Tamén de consumo exacerbado e compulsivo, comer a fartar e excesos de todo tipo a gusto do consumidor. Son días nos que intentamos aparcar as diferenzas esquecendo dramas e sorrindo bondadosos para suavizar, con desculpada hipocrisía, o cotiá trato social. Todos os anos coinciden con traxedias en lugares remotos xeralmente e moi próximas ás veces. Este, por desgraza, vivimos moitas e non tan lonxe como parece.

Miren o Mar Mediterráneo convertido nun cadaleito de africanos que foxen famentos da súa terra en busca dun futuro esquivo. Vexan a masacre que sofren os palestinos nesa ¿Terra Prometida? arrasada hoxe tanto humana como materialmente. Recorden o que segue a pasar en Ucrania, no Sáhara, no Yemen ou na inxente cantidade de campos de refuxiados que proliferan no mundo. Emporiso temos que ter presente e facer unha profunda reflexión sobre o que acontece ao noso redor e comparalo co suposto ¿paraíso? no que parece, ou supoñemos ignaros, vivimos.

Unha sociedade, líquida segundo Bauman, superlativamente informada, na que as urxencias dos noticiarios viaxan a velocidades supersónicas provocando, curiosamente, que a xente sufra dun esquecemento cronificador. Así, os conflitos vanse superpoñendo no interese informativo deixando a sensación ilusoria de que foron resoltos dalgún xeito. Non era a miña intención augarlles as festas, desculpen. Pero temos tanta sorte de poder celebralas en paz que sería inhumano non recordar, aínda que só sexa por un momento, a todos os que non poden. Queridos lectores e lectoras, Feliz Nadal!