O valor do que temos

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

03 jul 2023 . Actualizado a las 13:24 h.

Foi unha fin de semana de moita festa e troula. A mocidade de Couceiro saíu de novo ao campo, con ocasión das celebracións de San Pedro, para interpretar algo que ten moita tradición no lugar, A danza das espadas. Xa o fixeron outros que viñeron antes e sería un acerto que continuase moito tempo. É o valor do comunitario, o cerne da convivencia, do mantemento dos costumes, do sentimento de pertenza. Acaba de celebrarse o Asalto ao Castelo de Vimianzo, un acontecemento que ten un inxente traballo detrás. Un encontro de moita xolda que xa é festa de interese turístico e que se non fose o polo traballo dos voluntarios non existiría tal e como o coñecemos. Un gran grupo de persoas, mozas e xa non tan mozas, dedican moitas horas, moitos días, moitas semanas e moitos meses das súas vidas ó traballo de organización, intendencia e realización das actividades. Un esforzo moi real que non sempre é recoñecido como se debe. A sociedade ten unha débeda impagable con esta xente e o rigor co que fai o seu labor ano a ano. Dentro de nada celebrarase a Festa da Carballeira de Zas, onde a achega desinteresada de moitos veciños é imprescindible para a boa fin da convocatoria. Leva anos e anos sendo un dos festivais folks máis importantes de Galicia, incluso recoñecido e coñecido noutros lugares de Europa. Cada vez élles máis difícil a esta xente saír adiante porque cada vez hai menos sentimento de comunidade. Lamentablemente, este tipo de convocatorias vanse poñendo en mans de profesionais sen apego ao lugar. Deberiamos saber valorar mellor o que temos e darlle folgos.