Amor entre tempos

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

Emma Nogueiro, viuda de Dragó
Emma Nogueiro, viuda de Dragó Raúl Terrel

17 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

morte de Sánchez Dragó prodúceme un compendio de sentimentos contraditorios. Chego a esa conclusión tan magnífica como evasiva de que é moi difícil separar a vida do autor da obra, esta última da polémica.

Permítanme que fale da que foi a súa parella. Produciume estes días unha tenrura infinita a parella do escritor, Emma Nogueiro. Desprendía na carta de despedida unha noción da vida impregnada de romanticismo que xa non abunda. A pesares de que a miña parella me leva moi poucos anos, penso na desidia de saber todos os días que o amor ten data de caducidade latente, que cada engurra é o preludio da despedida. Non falo só deste caso, senón doutros que coñezo no meu entorno, con diferenzas de vinte, trinta ou mesmo máis de corenta anos. Supoño que hai parellas así que viven na clandestinidade pero a maioría saen a palestra. Penso que hai que ser excesivamente valente para vivir a vida propia sen os prexuízos que adoitan existir na sociedade actual. Eu son das que pensan que prefiro vivir un amor curto e frutífero a vivir unha existencia eterna cun amor baldío ou ermo. Coido que van pasar moitos anos para que normalicemos as parellas mixtas: de idade, de razas, de xéneros, de físicos, etcétera.

Só non concordo nesa frase fatalista de Emma: non haberá despois. Claro que hai, querida. Non sei se noutra vida, noutra existencia onde os tempos sexan máis xustos ou ben con outro amor que encha de alento o teu peito. Como din por aí, sexa o que sexa, pasará. A pesares do esperpento que acompañaba o home, ninguén é quen de xulgar que esa moza quixese a Sánchez Dragó. Ninguén elixe quen ama, nin como amar, nin canto sentir. Oxalá Emma sempre garde esa visión idílica e inconformista da vida.