Óscar Pereiro: «A Volta fixo un descubrimento marabilloso ao pasar polo Ézaro»

nicolás pose / s. g. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

XOAN CARLOS GIL

A REMOLLO | Ciclista, futbolista e piloto, agora Pereiro, gañador do Tour de Francia no 2006, goza do deporte a pedal por diversión

15 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Óscar Pereiro Sío (Mos, 1977) é un dos poucos españois que gañou o Tour de Francia. Acadou a vitoria no ano 2006 trala descualificación do estadounidense Floyd Landis ao dar positivo por dopaxe. Ese mesmo ano saían á luz varios escándalos relacionados coa dopaxe entre varios dos favoritos a gañar o Tour. O ciclismo vivía un momento crítico para a imaxe do deporte. Agora retirado, Pereiro dedícase a colaborar en programas deportivos como comentarista ou tertuliano. É embaixador da Volta a España e participa en diversas iniciativas para impulsar o ciclismo nas novas xeracións a través da súa propia fundación, ademais de, ocasionalmente, competir por diversión nos diversos eventos organizados ao longo de Galicia, como o Gran Fondo Ézaro.

-A que idade comezou a montar en bicicleta para competir?

-Aos 12 anos comecei a competir, case aprendendo a montar aínda. Seguía a todos os ídolos da miña xeración, como os triunfos de Induráin, aínda que, para min, Perico Delgado foi a miña inspiración para montar en bicicleta e volverme profesional.

-Que se sente ao vestir o maillot amarelo?

-É cumprir un soño que tes desde neno. Un premio a unha carreira profesional, algo que, incluso, non se pode describir con palabras.

-Recorda os detalles dese Tour?

-Si claro, se tivera a sorte de gañar cinco ou seis pode que se me tiveran esquecido detalles, pero, ao gañar só un, recórdalo todo á perfección.

-Como era o ciclismo nesa época, tan marcada pola dopaxe?

-A dopaxe no ciclismo é como a droga no resto da sociedade. Sabes que existe e sabes que hai xente que consume, pero ti non tiñas por que facelo. Por fortuna, o deporte mudou moito e esas cousas xa son máis raras. Estes escándalos de dopaxe foron un dos condicionantes que me fixeron perder a ilusión por ser profesional e competir, porque sentíaste observado, coma se foras un delincuente, xulgado pola xente.

-Como está agora o deporte?

-Está espectacularmente ben, mudou radicalmente. Rapaces de 18 anos xa comezan a gañar títulos e a posicionarse como grandes ciclistas, e isto, antes, non pasaba ata ben entrada a vintena. A preparación, os adestramentos, as carreiras, a mentalidade e o propio circuíto profesional mudaron por completo. Hai moi boa base, pero falta un Contador ou un Sánchez que gañe títulos e acumule resultados.

-A etapa de Galicia da Volta a España remata en Mos. Que se sente ao poñer ao Concello no mapa?

-Ao ser embaixador da Volta eu aconsello o trazado, pero a alcaldesa de Mos planificou que a etapa rematara no municipio coma homenaxe. Cando recibes estas mostras de cariño sentes moita ilusión, porque te cres responsable, importante e querido, como se fora todo un soño.

M.MORALEJO

-Cal é a súa opinión sobre o Gran Fondo Ézaro?

-Penso que a Volta a España fixo un descubrimento marabilloso ao pasar polo Ézaro. A fervenza e o seu entorno é dunha beleza espectacular e o Gran Fondo, para min, é coma unha homenaxe ao lugar, ademais dunha forma diferente de vivir o turismo.

-Supoño que seguirá acudindo nas vindeiras edicións.

-Por suposto. Participei en todas menos nesta última, porque a vacina causoume unha mala reacción, pero seguirei indo porque é unha proba que merece a visibilidade que os profesionais que participamos lle damos.

-Houbo algunha competición con outros campións?

-Non, porque é algo para gozar, vas cunha mentalidade completamente diferente. Serve para reencontrame con vellos compañeiros e rivais, ademais de ídolos que, por idade, non puideches coincidir no seu momento.

Máis de preto

¿É máis de mar ou de montaña? Non podería dicir un, depende do momento.

¿Prefire a carne ou o peixe? Gústame máis a carne, son un pouco carnívoro.

¿Cal é o seu prato favorito? Ovos fritos, patacas e chourizo, todo ten que ser da casa. A xente pensa que é un prato sinxelo, pero non ten nin idea, para min é un manxar.

¿Probou os Percebes do Roncudo? Probei percebes, pero non sei de onde eran. Non coñezo o Roncudo.

¿Rías Baixas ou Costa da Morte? Coñecín a Costa da Morte xa con 30 anos e paréceme espectacular, pero quedo coas Rías Baixas, hai que tirar para a casa.

¿Bañouse algunha vez na Praia dos Cristais? Non, teño que coñecela algún día, pero está pendente.

¿En que lugar se sentaría a ver unha posta de sol? Teño un sitio perfecto, pero non podo dicilo porque é para estar tranquilo e a soas coa miña muller e non me gustaría que ninguén nos molestara. É nas Rías Baixas, só direi iso.

¿Cal é o seu plan perfecto para unha tarde de verán? Hai moitos, pero creo que escollería unha tarde tranquila coa miña muller, só nós os dous.

¿Contador ou Induráin? Esta é moi difícil. Estamos a falar de, posiblemente, os dous mellores ciclistas españois da historia. Contador foi un compañeiro e rival, cunha mentalidade e forma de traballar a outro nivel. Doutra parte, Induráin é un ídolo da infancia, unha inspiración para ser ciclista profesional, con que medramos toda unha xeración. Son incapaz de escoller.