Alcumes e sambenitos

RIBEIRA

Bernardo Codesido

27 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembrábamos estoutro día a crítica pretendidamente burlona e de ridiculización que fixo certo afamado académico da lingua española, quen, preguntando en Compostela por un enderezo contestáronlle con outra pregunta. Segundo el, iso de responder con outra pregunta era un sinal de identidade galego. A min quédame a dúbida de se non sería que el non preguntou con claridade, que non se expresou debidamente e o preguntado necesitaba máis información. Pero como o chiste era doado, non tardou o señor académico en poñer sobre papel a súa experiencia levando a ascua á súa sardiña.

Non hai pobo, aldea ou nación que se libre dalgún sambenito que lle colgan como sinal identificativo, como ás persoas lle colgan algún alcume. Aquí temos ós cataláns por agarrados e ós andaluces por graciosos, dicimos que os de Noia son zapateiros e os de Ribeira caixeiros, e nin todos os noieses lle daban á subela nin os ribeirenses roubaban a caixa das ánimas como fixo alguén que lle deixou o adeallo ese ós seus veciños. Hai uns anos todos os vascos eran etarras e agora todos os cataláns son independentistas, só porque as voces máis altas nos falen dun grupo que se fai oír sobre o resto da poboación.

Os mesmos apelidos foron no seu día alcumes e sambenitos, e aí temos Ferreiros, Blancos ou Capeláns para sinalar defectos físicos, oficios ou lugares de procedencia. Xa en tempo dos romanos, personaxes que pasaron á historia, como Cicerón, de nome Marco Tulio, recibiu o alcume por mor dun vultiño parecido a un garavanzo que tiña no nariz; e Nasón, de nome Ovidio, recibiu este apelido por mor do enorme nariz con que engalanaba a cara.

Tras a segunda Guerra Mundial todos os alemáns eran un malditos nazis, e ninguén se lembraba de grupos como a Rosa Branca que dende a mesma Alemaña loitaba contra os abusos do réxime, e moitos dos seus membros, por defender xudeus, acabaron na guillotina tras un xuízo sen dereito de defensa. A memoria é así de esquecediza.

Podes non coñecer O Grove, pero se un antepasado teu naceu alí hai douscentos ou trescentos anos, seguirás sendo Meco de por vida, e se ese antepasado naceu en Vilanova serás Repoleiro aínda que non che guste o repolo. Outros alcumes veñen de ter na familia a alguén con un nome pouco común, deses que nunca sabes cando é a súa onomástica, e así coñecemos a un Micaelo e a unha Nemesia, descendentes de alguén que levou tales nomes, porque unha das propiedades dos alcumes é que teñen xénero, así un Carpinteiro pode ter unha filla Carpinteira, e unha Costureira pode ter un fillo Costureiro aínda que no saiba enfiar unha agulla.

Os alcumes e sambenitos son unha marca de identidade, case sempre para recordar algo que, na maioría das veces só é unha anécdota, ou simplemente pola graza que fai un nome mal pronunciado, como o dos Picheleiros de Santiago, dedicados a traballar o latón, a quen lle trocan o «e» por un «o» con claras intencións venéreas. Ou como aquela maneira de xeneralizar a conduta de toda una vila ou cidade, dicindo que mentres Vigo traballa, Santiago reza e A Coruña pasea, o mesmo que se dicía, na mesma orde, de Ribeira, Palmeira e A Pobra.