Samuel París, o poeta que racha con todo

Ana Gerpe Varela
a. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

Samuel L. París
Samuel L. París

O muradán acaba de publicar unha singular obra composta por trece partes

26 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ante todo, Samuel L. París é un verso libre, un home de distancias curtas e un poeta da era dixital que en modo algún renuncia ao clasicismo do xénero literario que tan ben domina. Tanto é así que lle gusta ser trobador e facer recitais sen empregar dispositivos de son e audio: «Que a palabra se defenda soa». Explica que cando vai intervir nalgún lugar adoita dicirlles aos organizadores que non precisa micrófono, que o coloquen só si eles o ven necesario: «Penso que deste xeito se establece unha comunicación especial».

Aínda que este autor e músico nado en Muros manifesta que non pode escapar da tradición da que forma parte, a súa relación coa poesía afástase dos convencionalismos para buscar o reto que supón crear a partir das contribucións dos lectores. Eles poden ser tanto a súa fonte de inspiración como o aliciente para novas composicións poéticas. Xa recoñece este filólogo en lingua hispánica e galega que «no mundo da poesía son unha rara avis».

Nada responde a un patrón na obra de Samuel París e o seu último traballo volve ser proba diso. O título entronca co de volumes anteriores: O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo. Como cabe agardar, tampouco o contido é usual. A obra publicada por Edicións Positivas, e presentada o pasado mércores na sede da editorial en Santiago de Compostela, consta de 13 partes. Os versos que a compoñen saen «dun universo astronómico referenciado dende o poeta».

A orixe remóntase a uns textos feitos para un recital que levou a cabo no Centro Astronómico de Trevinca e que comezou a intercalar noutros recitais poéticos.

Co tempo xurde O único e verdadeiro deus das cousas que están feitas un cristo, no que «todo pivota sobre a idea de que todo está roto». Trátase dunha ampla colección de poemas de estilos diversos: «Uns son íntimos, outros fan referencia a clásicos, outros son escuros e incisivos». Ao mesmo tempo, subliña que «hai unha trindade cun universo de alí fóra ao que non podemos chegar, o de aquí diante e o de dentro».

Poemas nun blog

Samuel, que foi baixista dos grupos Terbutalina de Muros e do pontevedrés Thee Blind Crows, lanzou a súa primeira obra no 2008, co título Manual da destrución. Fíxoo na Regueifa Netlabel, una plataforma sen ánimo de lucro que permitía aos autores difundir o seu traballo.

No 2012, Edicións Positivas saca ao mercado Inflamable e, ao ano seguinte, o muradán volve romper cos convencionalismos. Ao longo do 2013 escribe e publica no seu blog un poemario completo á semana. Foron un total de 52 obras: «Algunhas con poetas amigos cos que fixen probas de escribir a varias mans». Recoñece que este compromiso voluntario de publicación semanal era unha presión, pero precisa que «é un ambiente no que me sinto cómodo».

Sobre a forma particular de desenvolver a súa actividade, manifesta que lle gusta «observar a literatura con todas as posibilidades que ofrece».

Facer partícipes aos lectores tamén é moi do seu agrado, como o demostrou na pandemia con Zero pedrolo, no que tamén sacou partido das redes sociais para un xogo particular: «Propoñía á xente que me fixera unha proposta de título e eu compoñía os poemas. Realicei un total de 40».

E do mesmo xeito que se sirve do dixital, tamén aposta polo analóxico máis clásico. No 2015 publicou baixo demanda 25 poemarios con textos únicos: «Eu tiña uns cadernos moi bonitos e pensei que podía facer algo con eles. Propuxen a quen o quixera facer un poemario único, porque cada exemplar tiña textos que só estaban alí e que non van estar en ningún outro lugar».

Cinco anos despois, publicou Internacional de poesía anarquista e, no 2023, una serie de poemas que enviou en postais. Cunha nova obra xa dispoñible nas librarías, París irá informando a través dunha newsletter na súa web sobre os recitais que ofrecerá para dar a coñecer o libro.