Talía Teatro dálle saída ao seu novo espectáculo, «DeseXo»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

BOIRO

A veterana compañía presentou en Boiro, onde estrea hoxe, esta peza. Mañá chegan con ela a Vimianzo 

03 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe en Boiro e mañá en VimianzoXa adiantaba nestas páxinas hai case dúas semanas Diego Rey, director, en que consistía DeseXo, máis a compañía Talía Teatro vénlle de dar saída a este seu novo espectáculo. Presentárono onte en sociedade en Boiro, que será onde hoxe mesmo, ás 21.00 horas, na Casa de Cultura Ramón Martínez López, fagan a primeira representación. Unha obra recén saída do forno da que mañá xa se poderá gozar en Vimianzo: tamén na Casa da Cultura, pero ás 20.30 horas, con entradas á venda en woutick.es ou ben unha hora antes, no propio espazo. DeseXo é unha reflexión en clave de humor sobre o acceso á formación afectivo-sexual, sobre todo por parte dos adolescentes, e no que a pornografía xoga un papel ben perigoso. Concretan dende a compañía: «É unha comedia que aborda con humor a ausencia de educación afectivo-sexual na sociedade actual, tanto no ámbito familiar como no educativo. A obra está dirixida a un público xuvenil e adulto e busca xerar unha reflexión sobre a importancia dunha educación integral que inclúa a saúde sexual e emocional».

Soben ao escenario Marta Ríos e Dani Trillo, nun exercicio teatral que resulta logo dun proceso de investigación asesorado pola sexóloga Bárbara Penas. Acompañou en Boiro ao equipo de Talía Jacobo Sutil, director da Agadic, pois esta obra puido facerse ao abeiro das subvencións deste ente á creación escénica: destinou a esta liña de axudas un total de 800.000 euros para impulsar os proxectos de 29 compañías galegas na pasada convocatoria 2023. «En concreto, a compañía foi beneficiaria na modalidade de proxectos plurianuais cunha cantidade de 100.000 euros divididos entre os diferentes exercicios do período comprendido entre 2023 e 2025. O obxectivo desta canle de apoio é facilitar o desenvolvemento a medio prazo da planificación da actividade, tanto empresarial como artística, de cada unha das empresas adxudicatarias», detallou a Xunta.

Os de Talia son máis de 30 anos de traxectoria e de traballo de calidade, véxanse os 7 galardóns María Casares por Unha inimiga do pobo.